UNIVERSITAS

O gobio nadador, termómetro dos cambios de temperatura do océano

hector_result
photo_camera Héctor Morán levou a cabo o estudo nas instalacións da Ecimat.

O aumento de coloración deste peixe serviría para ver en que grao afecta a acción do home ás zonas costeiras

Durante moitos anos, a inmensidade e profundidade dos océanos deu á humanidade a falsa sensación de que contaminalos non ía ter consecuencias. Sen embargo, os estudos revelan que a man do home afectou notablemente á saúde dos ecosistemas mariños, sobre todo en zonas costeiras próximas a urbes. Na avaliación destes cambios o gobio nadador, Gobiusculus flacescens, podería ser clave. Un estudo do investigador Héctor Morán desvela que esta especie de peixe muda a súa coloración e agresividade dependendo da temperatura da auga, o que podería situalo como "potencial biomarcador e bioindicador de distintos fenómenos antropoxénicos, como a variación das características físico-químicas da auga a diferentes escalas temporais".

Para realizar o estudo capturáronse en colaboración con técnicos do Medio Mariño da Ecimat varias parellas de gobios de entre as poboacións da ría de Vigo e distribuíronse en tanques diferenciados. Para manter aos individuos nunhas condicións axeitadas, durante este ensaio experimental proporcionouselles un ciclo aberto de auga de mar tratada previamente de xeito térmico co obxectivo de "adaptar aos peixes a dúas temperaturas diferentes". Como complemento, en cada un dos tanques introduciuse un tubo de PVC selado nun dos seus extremos para que actuara como niño artificial. Deste xeito, medíronse os cambios de coloración empregando un software de imaxe e de comportamento durante a reprodución introducindo a un macho intruso no mesmo recipiente separado por un cristal transparente.

Os resultados desta investigación, realizada a raíz do traballo de fin de grao de Morán e tutelada polos investigadores da Universidade de Vigo Alberto Velando e Jesús Souza Troncoso, revelaron que a temperatura influía de xeito significativo tanto en machos como en femias producindo a temperaturas máis altas non só unha maior coloración nupcial, senón tamén unha maior agresividade. "Estes cambios de coloración non son moi habituais entre as especies de peixes, por iso trátase dun indicativo importante", asegura este graduado en Ciencias do Mar, para quen o gobio "é un peixe modélico, cunhas características moi concretas que diferencian a machos e femias sobre todo durante a época reprodutiva (as gónadas femininas adquiren un ton vermello e nos machos aparecen unhas bandas laterais azul iridiscente) que fan dela unha especie excelente para realizar estudos de selección sexual.

Te puede interesar
Más en Universitas