UNIVERSITAS

Gran mural interactivo para concienciar da violencia machista

gal1_result
photo_camera Presentación de "De bruxas e bolboretas".

Este proxecto busca que as accións dos estudantes "invadan as rúas" na semana do 25 de novembro e inclúese dentro "De bruxas e bolboretas", unha iniciativa do programa Tangram.

Un "gran mural interactivo", que se vaia transformando cada vez que os veciños e veciñas de Pontevedra se reúnan ao seu carón para lamentar e condenar unha nova vítima mortal da violencia contra as mulleres. Esa será a achega de carácter permanente que o alumnado do campus realizará á cidade no marco de De bruxas e bolboretas, un dos tres proxectos que se insiren na segunda edición do programa sociocultural Tangram, que a Vicerreitoría do campus impulsa xunto co Concello. “Invadir ás rúas” con iniciativas deseñadas por equipos multidisciplinares de estudantes de diferentes titulacións na semana do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, é o gran obxectivo dunha iniciativa que busca espertar conciencias na sociedade.

"Para a Universidade é vital estar cada día máis presentes na cidade e iniciativas como esta permítennos ser máis visibles dentro da sociedade", salientou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, na presentación que tivo lugar no Concello e na que estivo acompañado pola concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces; a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos, e as representantes de Portal 48 e responsables de dinamización de Tangram, Ana Seoane e Rocío Gómez-Juncal. O alumnado de todas as titulacións que se imparten na cidade terá cabida, segundo Corbacho, nun programa que bota a andar nestas semanas e que "reflicte os principios cos que estamos a traballar no proxecto de especialización do Campus Crea, xa que engloba a todas as facultades e escolas desta cidade universitaria".

Te puede interesar
Más en Universitas