INVESTIGACIÓN

O grupo AF-4 adiántase nun proxecto ás pegadas do oso

O colectivo pertencente á Escola de Enxeñaría Forestal estuda os camiños que utilizaría esta especia na súa expansión por Galicia

Diferentes avistamentos teñen demostrado nos últimos anos que o oso pardo camiña de novo polos montes galegos. Procedentes das montañas asturianas e leonesas, son frecuentes as incursións desta especie en perigo de extinción na parte galega dos Ancares ou mesmo no Courel.

Co obxectivo de definir as zonas polas que se desprazaría nunha hipotética expansión polo territorio galego, o grupo de investigación AF-4, da Escola de Enxeñaría Forestal, traballa na definición das que serían as “rutas predilectas” deste animal á hora de desprazarse.

Utilizando un modelo matemático, os investigadores atoparon preto de 400 camiños polos que o oso podería moverse ao longo dun territorio que abrangue desde o norte dos Ancares ata practicamente a Ribeira Sacra. “Tentamos pensar como un oso”, sinala o profesor Juan Picos dun “proxecto a longo prazo” que permitirá definir cales son as zonas de paso que precisarían dunha especial protección para non frear a expansión do oso pardo polos montes galegos.

Este proxecto trata de detectar aquelas zonas de paso que precisarían dunha especial protección

Non en van, a definición dos 400 posibles camiños permite tamén detectar a existencia dos “colos de botella, puntos polos que pasan boa parte das posibles rutas e que son moi sensibles”, e incide na existencia de puntos “polos que poden pasar o 20% dos camiños”. Serían espazos a ter en conta nas políticas de protección da especie xa que a construción dunha estrada ou dunha canteira, ao igual que un lume forestal poderían “desencadear especiais problemas, xa que a desconexión afectaría a moitas rutas, non só a unha”.

Te puede interesar
Más en Universitas