Historia, ciencia e ficción nos 25 anos da Semana de Cine Submarino

José Luis González, Dolores González e María Teresa Fernández, durante a presentación dos actos conmemorativos dos 25 anos da Semana de Cine Submarino.
photo_camera José Luis González, Dolores González e María Teresa Fernández, durante a presentación dos actos conmemorativos dos 25 anos da Semana de Cine Submarino.

Dende onte e ata mañá venres, sucederanse cinco proxeccións, incluída a estrea de 'Un espectador vulnerable'.

A Semana de Cine Submarino cumpre un cuarto de século. Atrás quedan 25 edicións dedicadas a amosar ao público todas as caras que presenta o mundo submarino, a través da obra dos máis destacados realizadores, con especial protagonismo das producións galegas.

O que comezou sendo un espazo destinado a amosar os diaporamas que o fotógrafo submarino e dende entón director da semana, José Luis González, realizaba, converteuse co paso dos anos na cita de referencia en España para os e as amantes do cine submarino, que neste 2015 están a gozar dun programa no que historia, ciencia e ficción estanse a dar cita  dende onte e ata mañá, 27 de novembro.

Organizada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria co patrocinio de Afundación, a XXV edición da Semana de Cine Submarino acolle a estrea do documental Un espectador vulnerable, dirixido polo investigador do CSIC Ángel Guerra, que se centra en amosar a riqueza mariñas das Illas Cies, con especial atención aos cefalópodos e en especial ao polbo. A presenza do veterano arqueólogo submarino Robert Sténuit, que na década de 1950 tomou parte na derradeira expedición de mergulladores que buscaron os restos dos galeóns afundidos en 1702 na batalla de Rande, é un dos pratos fortes desta edición da Semana, que tamén está a contar coa participación do realizador británico Mike Valentine, autor das escenas acuáticas de máis de 80 películas, entre as que se atopan varias da saga de James Bond ou A guerra das galaxias. A última produción do realizador vigués Jorge Candán, O legado das rías galegas, e o documental xaponés sobre o kraken, Lenda das profundidades: A lura xigante, completan o programa desta edición da Semana de Cine Submarino, que este ano inclúe tamén unha exposición de fotografía, composta por unha trintena de imaxes tomadas pola expedición na que participou Robert Sténuit e que dirixiu o mergullador John S. Potter.

As proxeccións e posteriores coloquios cos realizadores celebraranse todos os días a partir das 20:00 horas no Teatro de Afundación, que tamén acollerá en sesión matinal pases para escolares. Pola súa banda a exposición fotográfica poderá visitarse no vestíbulo do Centro Cultural Afundación.

Divulgando e sensibilizando
Na presentación da vixésimo quinta edición da Semana de Cine Submarino, que tivo lugar no auditorio do Edificio Cambón, a vicerreitora de Estudantes da Universidade de Vigo, Dolores González, destacou o nivel das proxeccións e dos participantes nesta cita, que “ten un dobre obxectivo: divulgador e de responsabilidade co medio ambiente”, sinalou. A vicerreitora agradeceu a colaboración de Afundación na organización da Semana, así como a asistencia dun público fiel, que este ano poderá gozar de producións galegas e internacionais, así como dunha exposición fotográfica e unha web propia.
Pola súa banda, a directora da área de Contidos Culturais de Afundación, María Teresa Fernández, destacou que a Semana de Cine Submarino ocupa unha parte importante da programación cultural da entidade, ao tempo que avanzou que este ano superaron as 2.500 solicitudes de escolares de centros da provincia de Pontevedra para asistir ás proxeccións matinais. “Estamos no bo camiño na divulgación”, asegurou Fernández, que desexou outros 25 anos de éxitos á Semana.n

Te puede interesar
Más en Universitas