UNIVERSITAS

Por un idioma con futuro na “aldea global”

O acto serviu tamén para homenaxear a Filgueira Valverde e conmemorar o Día das Telecomunicacións

As cantigas medievais, ás que o homenaxeado no Día das Letras Galegas, José Filgueira Valverde, dedicou un bo número de estudos, demostran que o galego “a pesares de ser durante tanto tempo unha lingua tan desprezada é tamén unha lingua cun gran pasado”, como lembrou a catedrática Camiño Noia no acto de entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria da Universidade de Vigo. Co propósito de render homenaxe ao polígrafo pontevedrés, o acto promovido pola Área de Normalización Lingüística da Universidade trasladouse neste 2015 a Pontevedra, onde a institución académica quixo reiterar o seu compromiso cun idioma que se atopa nunha “situación preocupante”, como lembrou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho. Mais o acto celebrado na Casa das Campás serviu tamén para abordar retos de futuro, como a necesidade de posicionar o idioma nesa “nova sociedade dixital que pouco a pouco está a converter o mundo nunha aldea global”, como engadiu o director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Iñigo Cuíñas.


Non en van, esta entrega de premios volveu ligar dúas efemérides que tiveron lugar o 17 de maio, o Día das Letras Galegas e o Día Mundial das Telecomunicacións. Se o ano pasado a Agrupación Estratéxica Aeroespacial da Universidade “demostrou que a nosa lingua só ten os límites que lle marquemos cos nosos prexuízos”, transmitindo desde o satélite Humsat-D textos de Rosalía de Castro ou Álvaro Cunqueiro, nesta entrega de premios volveu avogar pola “simbiose da nosa lingua cos recursos máis avanzados para o seu espallamento”, como engadiu Corbacho. Non en van, como salientou Cuíñas, “que o galego sexa un idioma con futuro nesa nova sociedade dixital depende de cada un de nós”.


Nun acto no que a entrega de premios e accésits viuse precedida polas representacións teatrais de ButacaZero, que en ton de humor repasaron a historia das telecomunicacións, o director da EE de Telecomunicación chamou a reflexionar sobre un período de cambio, que vai máis aló “dunha revolución tecnolóxica” para supor “que esteamos a mudar dunha sociedade urbana a unha sociedade dixital”. Nese senso, Cuíñas puxo o acento en que para as novas xeracións, a rede “é o equivalente ao que hai poucos anos significaban os libros e as bibliotecas”, polo que “potenciar a lingua neste novo escenario será fundamental” para o seu futuro. Neste senso, lembrou que vén de vivirse un “paso de moita importancia para a difusión da lingua galega” como foi o impulso dos dominios .gal e salientou que cada empresa ou institución que aposta por usar o idioma para “dirixirse ao mundo desde internet, está dando un novo pulo ao galego”.

Te puede interesar
Más en Universitas