Intelixencia emocional, cerámica e fitness entre os cursos de verán

Desde este pasado luns mantense aberto o prazo de inscrición nestas actividades abertas a toda a cidadanía de Pontevedra

Os avances na prescrición de exercicio físico nas salas de fitness, a aplicación da intelixencia emocional no eido educativo, o deseño de iniciativas de turismo accesible e un achegamento ao traballo coa cerámica constitúen as novidades coas que se presenta a oferta de cursos de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus para este verán. Unha programación aberta a toda a cidadanía e integrada por “cursos bastante transversais, cos que intentamos abranguer as diferentes áreas do campus”, como salienta o responsable da Área de Extensión Cultural, Manuel Morquecho. Unha programación que este luns abriu o seu prazo de preinscrición e que se completa cunha nova edición do seminario sobre o uso de xoguetes interactivos na docencia e cun curso que abordará, desde o ámbito educativo, o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).

Recoñecidos cun crédito ECTS e dous de libre elección, os cursos de verán promovidos desde a Vicerreitoría e nos que os integrantes da comunidade universitaria contan cun 35% de desconto na matrícula, buscan contribuír á formación complementaria tanto do alumnado como de profesionais de diferentes ámbitos, como sinala Morquecho. Ese é o caso, por exemplo, do seminario Intelixencia emocional en educación, que se desenvolverá entre o 3 de maio e o 7 de xuño en Ciencias da Educación e do Deporte, baixo a dirección da profesora María Ainoa Zabalza. Tamén no eido do ensino, esta facultade acollerá entre o 2 e o 28 de xuño unha nova edición de Ensinar ciencias con xoguetes interactivos e encerado dixital. Unha educación para o século XXI, un curso dirixido por María Álvarez Lires e Francisco Serrallé.

Outra das novidades desta convocatoria constitúea o curso Prescrición de exercicio físico nas salas de fitness. Avances e novas propostas, que dirixe o profesor Carlos Lago e que entre o 7 e 9 de xuño abordará en Ciencias da Educación e do Deporte unha serie temáticas vinculadas á mellora da saúde e o adestramento. Así mesmo, tamén se incorpora a esta oferta formativa o obradoiro Cerámica agora! Introdución aos procesos cerámicos, no que, entre o 3 e o 17 de xuño, o artista Pablo Rodríguez promoverá unha primeira toma de contacto cos procesos construtivos fundamentais da cerámica.

Te puede interesar
Más en Universitas