UNIVERSITAS

Letras Galegas con premios de relato curto, poesía e traducción literaria

a1_result
photo_camera Anxo Mena, Xurxo Martínez e Marta Santamaría, gañadores dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria da Universidade de Vigo 2015.

Dous investigadores e unha estudante foron os galardoados e recollerán hoxe os seus correspondentes premios en Pontevedra, no acto institucional desta conmemoración

O oceanógrafo Anxo Mena, o filólogo Xurxo Martínez e a estudante de Tradución e Interpretación Marta Santamaría son os gañadores da edición 2015 dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria, respectivamente, que outorga a Universidade de Vigo, uns galardóns cos que a institución busca premiar a calidade e creatividade literaria en lingua galega da comunidade universitaria e aos que este ano se presentaron 43 traballos: 22 na categoría de poesía, 15 en relato curto e seis en tradución literaria. Hoxe, recollerán o galardón no acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas, que este curso se celebra no campus de Pontevedra en lembranza do homenaxeado, Xosé Filgueira Valverde.


“A verdade é que xa fora unha ledicia moi grande ter acadado os accésits noutras edicións, pero gañar produce unha alegría aínda maior”, subliñou Mena, que na anterior edición acadara o 2º accésit e en 2012 xa se fixera co primeiro premio do certame de poesía Díaz Jácome para novos creadores. Nesta ocasión presentouse ao premio co poemario 15C . “É un poema que trata sobre a liña de autobús que sube ao campus, o Vitrasa 15C”, subliña o autor, que explica que tentou que fora algo divertido, reivindicativo, descritivo... “tentei plasmar unha morea de cousas cotiás desta liña que seguro que quen colle o bus recoñece perfectamente, pois é unha viaxe curiosa que se presta a anécdotas”.

Te puede interesar
Más en Universitas