ESTUDO

O Lupus Eritematoso Sistémico afecta a unha de cada mil persoas

Foto de familia do grupo SIDOR e o reumatólogo José María Pego.
photo_camera Foto de familia do grupo SIDOR e o reumatólogo José María Pego.

Unha análise estatística identifica patróns de danos en pacientes e asóciaos coa mortalidade.

En España e tamén en Galicia unha persoa de cada 1000 padece Lupus Eritematoso Sistémico, LES, unha enfermidade crónica sen cura na que o sistema inmunitario do paciente ataca a órganos e tecidos ocasionando diferentes danos. A colaboración entre o Grupo de Trabajo de Enfermedades reumáticas autoinmunes sistémicas de la Sociedad Española de Reumatología y el grupo de investigación SIDOR, Statistical Inference, Decision and Operations Research, ligado ao Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo permitiu identificar tres grupos ou clústers de pacientes con LES con patróns de dano similar e avaliar a súa asociación coa mortalidade.

A análise estatística de 3656 dos máis de 4000 casos que inclúe o rexistro RELESSER da Sociedad Española de Reumatología atopou concretamente tres grupos de pacientes cun patrón de dano similar: un primeiro clúster (80.6% dos casos) con pouco dano, un segundo clúster (11.4%) caracterizado por ter dano articular e non cardiovascular e un terceiro clúster (8.0%) caracterizado por ter dano cardiovascular. 
“O máis importante do noso achado foi a asociación de cada un dos clústers con distintas taxas de mortalidade.

Permanecer libre de dano supoñía unha maior supervivencia dos pacientes, mentres que acumular maior dano, sobre todo a nivel cardiovascular, supuña un maior risco de mortalidade”, explica o reumatólogo do Hospital Meixoeiro de Vigo José María Pego Reigosa, que xunto ao tamén reumatólogo do Hospital Doctor Negrín de Gran Canaria Iñigo Rúa-Figueroa, e os investigadores do grupo SIDOR Jacobo de Uña Álvarez e Vanesa Balboa Barreiro desenvolveron este estudo.“A mortalidade no terceiro clúster (dano cardiovascular) duplicou á do clúster dous (dano articular) e esta a súa vez, case triplicou á do clúster con pouco dano, obténdose diferenzas estatisticamente significativas na mortalidade”, detalla Jacobo de Uña, investigador principal do grupo SIDOR, creado no ano 1998 e integrado na actualidade por unha trintena de investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo.

Os resultados deste estudo xa foron presentados no congreso anual da European League Against Rheumatism e trala publicación dun resumo na revista Annals of The Rheumatic Diseases, a de maior impacto no seu ámbito, o estudo completo vén de ser aceptado para a súa publicación en Rheumatology, a revista da Sociedade Británica de Reumatoloxía. Ademais este mes de novembro as conclusións tamén foron levadas ao congreso da Sociedade Americana de Reumatoloxía.

Te puede interesar
Más en Universitas