UNIVERSITAS

Máis de 600 exemplares de cabra montesa poboan a serra do Xurés

gal1-2-_result
photo_camera Actualmente o Xurés está poboado por capra pyrenaica da subespecie victoriae.

Investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal constataron o crecemento da especie tralo repoboamento realizado na zona

ta finais do século XIX, a serra do Xurés constituíu o último hábitat dunha subespecie da capra pyrenaica ou cabra montesa hoxe desaparecida, a lusitanica. Trala súa extinción, pasou máis dun século ata que estes animais puideron ser vistos de novo nestes montes do sur de Ourense, aos que retornaron a finais da década de 1990. Un proxecto de reintrodución da especie, acometido pola Xunta de Galicia, levou á zona uns poucos exemplares da subespecie victoriae, o que fixo posible que, na actualidade, a cabra montesa volva habitar o Xurés, onde hoxe viven máis de 600 exemplares, segundo constatou o grupo de investigación AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal.

“Na actualidade, xa hai unha poboación de cabras importante no Xurés, e aínda está nunha fase expansiva, xa que hai moito territorio para que poida seguir crecendo”, apunta Enrique Valero, responsable do grupo AF-4 e director da EE Forestal. Co obxectivo de constatar a evolución desta poboación e estudar se o seu crecemento faría ou non posible permitir a súa caza, o Goberno galego encomendou a este grupo de investigación a realización dun estudo da poboación e un plan de aproveitamento cinexético da cabra montesa na zona. O proxecto serviu como base para que, este inverno, “se puidese cazar a cabra montesa por primeira vez en 120 anos no Xurés”, como apunta Valero. En base á proposta realizada polos investigadores, o Goberno galego permitiu a caza dun máximo de 13 exemplares, previamente seleccionados polo Parque Natural Baixa Limia- serra do Xurés, entre outubro do pasado ano e xaneiro. n

Te puede interesar
Más en Universitas