UNIVERSITAS

Marjob cumpre dous anos e acumula 1.800 ofertas publicadas

O portal de emprego, iniciativa do Campus do Mar, tivo durante os seus dous anos de andaina máis de 75.000 visitas.

Este domingo 1 de marzo cumpríronse dous anos do lanzamento da plataforma Marjob, unha iniciativa promovida polo Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar co obxectivo de facilitar a busca de emprego e bolsas de formación a todas aquelas persoas interesadas nas oportunidades profesionais relacionadas co medio mariño que diariamente se publican.

Durante estes dous anos subíronse a través de Marjob máis de 1.800 ofertas de emprego tanto de perfil técnico (enxeñaría, bioloxía, produción, etc.) como de perfil investigador (contratos de posdoutoramento, bolsas de posgrao, etc.). "O obxectivo é que os estudantes graduados e de posgrao do Campus do Mar e o público en xeral atopen en Marjob un punto de referencia á hora de buscar emprego" apunta Cristina Quelle, coordinadora da Área de Transferencia de Tecnoloxía de Campus do Mar.

Os máis de 75.000 usuarios que visitaron Marjob nos últimos dous anos puideron atopar ofertas de diferentes áreas como enxeñaría aplicada ao medio mariño; biotecnoloxía mariña; ciencias do mar; ciencias xurídicas, sociais e humanidades, etcétera, tanto en empresas privadas como universidades ou centros tecnolóxicos nacionais e internacionais. As ofertas publicadas en Marjob van máis aló da área de influencia de Campus do Mar, a eurorrexión Galicia-norte de Portugal, e se ben as vinculadas á península ibérica son maioría, nesta plataforma pódense atopar ofertas de emprego e formación de países tan dispares como Noruega, EEUU, Qatar ou Singapur.

Te puede interesar
Más en Universitas