UNIVERSITAS

Material de rescate e métodos de aprendizaxe que salvan vidas

Ciencias da Educación e do Deporte acolleu a defensa de dúas teses sobre socorrismo

 Nun ámbito como o socorrismo acuático, no que cada segundo gañado nun rescate aumenta as posibilidades de supervivencia da persoa en perigo de afogamento, todo avance supón unha axuda á hora de salvar vidas. E iso é precisamente o que propoñen as investigacións realizadas por Catalina Gili e Marcos Mecías, que defenderon as súas teses de doutoramento na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. No seu proxecto, Gili amosou como a introdución dun dispositivo que outorgue un feedback inmediato nos cursos de formación para socorristas mellora a súa aprendizaxe, mentres que Mecías puido constatar como o uso de material de rescate incrementa o rendemento destes profesionais.


Co profesor de Ciencias da Educación e do Deporte Vicente Romo e o docente da Universidade da Coruña José Palacios como titores, Catalina Gili converteuse en doutora pola Universidade de Vigo tras someter a súa investigación á avaliación dun tribunal integrado polo holandés Joots Bierens, a portuguesa Ana Catarina Queiroga e o profesor da facultade José Luis García Soidán. Acto seguido, chegou o momento de que Mecías defendese o seu proxecto, no que tivo como titores a Palacios e a o docente da facultade Roberto Barcala, desta volta ante un tribunal integrado polo profesor da USC Antonio Rodríguez Nuñez, Queiroga e García Soidán, completando así unha xornada protagonizada pola investigación nun ámbito “de utilidade universal e con moito futuro”, como sinala Barcala.

Te puede interesar
Más en Universitas