UNIVERSITAS

O medio ambiente, sen fronteiras políticas nin físicas

gal2_opt
photo_camera Fernando Vicente analiza a cooperación entre España e Portugal

Fernando Vicente analiza a cooperación de España e Portugal na avaliación ambiental de proxectos transfronteirizos

O medio ambiente non entende de fronteiras, nin políticas nin físicas e os grandes proxectos de infraestruturas en territorios transfronteirizos teñen impacto en ambos territorios. Para tratar de harmonizar posturas, avaliar e acordar medidas antes de que as consecuencias sexan irremediables, xorde a avaliación de impacto ambiental transfronteiriza. No caso de España e Portugal, resulta evidente que a pertenza á Unión Europea facilitou e mellorou moito a comunicación entre ambos gobernos, pero a pesar de todo, quedan aínda claroscuros nesta relación. Analizar a cooperación entre ambos estados para fortalecer o proceso de consultas en cada un dos territorios é o obxectivo da tese de doutoramento de Fernando Vicente, investigador do grupo de Avaliación Ambiental Estratéxica e Ordenación Ambiental. A súa experiencia como coordinador de proxectos transfronteirizos entre Galicia e o norte de Portugal e técnico de xestión pública en Seaga, así como o seu labor investigador, tenlle servido para achegarse ao eido do impacto ambiental transfronteirizo en varios artigos e congresos, centrándose sobre todo nos recursos hídricos. Subliña que “da súa traxectoria profesional naceu o interese pola cooperación entre ambos países, xa que este tema entroncaba coa miña formación en dereito, socioloxía e políticas comunitarias”.


Vicente explica que “tendo en conta a realidade ibérica e internacional faise necesario articular medidas que activen un desenvolvemento sostible construído sobre ideas comúns e compartidas así como unha fluída comunicación previa entre as autoridades e participación nun asunto que non entende de fronteiras”. Aínda que España e Portugal teñen avanzado moito neste eido e se pode cualificar esta cooperación como avanzada ao estandarizar fases e trámites comúns, “unha cousa é como se sustenta a relación dende o punto de vista formal e outra a material”, e engade que no seu estudo revélanse “claroscuros ao realizar unha análise crítica da efectividade da aplicación da EIA entre ambos países”.


Fernando Vicente explica que a participación cidadá presentando alegacións a ambos lados da fronteira “outorga lexitimidade ás decisións dos proxectos que se aproban e contribúe a evitar posibles conflitos internacionais e danos irreversibles”. Pero a análise desta relación amosa que, “se ben formalmente se ten avanzado en asuntos clave como o procedemento, na participación séguense evidenciando debilidades”. No contexto transfronteirizo ibérico a participación cidadá nas consultas “é inexistente”. O investigador explica isto vai na liña “da apatía participativa” que se debe a causas comúns a outras consultas dentro de cada territorio nacional, como a información excesivamente prolixa e técnica dos informes ambientais; falta de interese; falta de recursos, etc.
A análise histórica da cooperación neste eido entre ambos países amosa a evolución en axilidade procedimental e prazos, “pero segue subsistindo unha falta de eficacia pola baixa implicación de administracións consultadas e do publico en xeral”. Séguense detectando casos de falta de notificación ao outro país e cando se fai, na maioría dos casos, “as consultas acaban sendo un expediente formal que dá cumprimento a unha esixencia carente de contido”, apunta Vicente.

Te puede interesar
Más en Universitas