UNIVERSITAS

Mellorando os coñecementos lingüísticos do alumnado británico

<SAMSUNG DIGITAL CAMERA>
photo_camera Nuria Yáñez Bouza, en Liverpool.

A investigadora Nuria Yáñez Bouza elaborará un corpus para o estudo da escrita do estudantado de 11 anos.

A mellora dos niveis de coñecemento lingüístico da poboación en idade escolar é unha cuestión que suscita grandes debates no Reino Unido, ata o punto de que o National Curriculum for England and Wales que entrou en vigor en setembro de 2014 identifica a promoción de altos niveis de coñecemento e uso da lingua inglesa como un dos seus obxectivos principais. Que as persoas encargadas de lexislar, educar e crear material escolar dispoñan dun punto de referencia co que comparar as súas recomendacións semella importante, máxime se este achega importantes novidades. Con esta pretensión nacerá o APU Writing Corpus 1979-1988, un recurso de investigación, concretamente un corpus electrónico para o estudo das habilidades de escrita do alumnado de primaria en Year 6 (11 anos de idade) en Reino Unido. Esta colección de textos son a esencia do proxecto "The art of writing English: A corpus of schoolchildren´s writings" (A arte de escribir en inglés: Corpus de escritos por e para escolares de primaria) do que a docente do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo e membro do grupo LVTC (Language Variation and Textual Categorisation) Nuria Yáñez Bouza é a investigadora principal e coordinadora, tarefa que comparte coa docente da Universidade de Liverpool Victorina González Díaz.

Financiado pola Xunta de Galicia con preto de 90.000 euros, o proxecto achegará ademais da creación dunha ferramenta metodolóxica para o estudo das habilidades de escrita dos e das escolares británicas, dous estudos de campo que permitirán obter un coñecemento máis profundo, por unha banda, das estratexias lingüísticas que o alumnado do Year 6 domina e daquelas que aínda están a adquirir, e, por outra, da posible influencia das gramáticas normativas inglesas do século XVIII no sistema educativo inglés actual. “A presenza de datos empíricos no ámbito educativo tórnase especialmente relevante cando se ten en conta ás mencións reiteradas por parte de investigadores deste ámbito, sobre o feito de que os materiais educativos frecuentemente non están baseados no uso lingüístico real, senón, en intuicións ou principios que popularmente consideran adecuados pero que non están apoiados por unha investigación cuantitativa e cualitativamente rigorosa”, explica Nuria Yáñez en relación cun proxecto que pretende contribuír a incrementar a dispoñibilidade de material lingüístico educativo con bases obxectivas/empíricas.

Te puede interesar
Más en Universitas