UNIVERSITAS

Mil ollos examinaron o seu futuro na Universidade

g1-3-_result
photo_camera O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, dirixiuse aos estudantes e deulles a benvida á universidade da que dixo que agarda que "sexa a vosa casa nos mellores anos das vosas vidas”

Medio millar estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional  participaron na I Xornada de Portas Abertas no campus de Vigo

Luana Iglesias cursa 2º de bacharelato no IES Salvaterra de Miño e ten claro que estudará o Grao en Economía na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo. “Profesionalmente non teño claro a que me vou dedicar, pero si que quero estudar Económicas no campus de Vigo, que coñezo por unha amiga que está aquí”, explica. Pola súa banda, Diego González do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo, orientará os seus pasos cara á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra para cursar o Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. “Eu xogo a fútbol e fútbol sala e quero estudar o grao que se imparte no campus de Pontevedra por que me gusta o deporte e tamén a docencia”, sinala.

Luana e Diego son dous dos 521 estudantes de 4º da ESO, 1º e 2º de bacharelato e de ciclo superior de FP que este luns “tomaron” o campus de Vigo para participar nunha iniciativa posta en marcha pola Vicerreitoría de Estudantes, coa organización do Siope, co obxectivo de “orientar o voso futuro académico e que coñezades os servizos dos que a Universidade de Vigo dispón en docencia, investigación, emprendemento, cultura ou mobilidade e que constitúen unha oferta integral”, explicou Dolores González. Xunto ao reitor, Salustiano Mato e a directora do IES Álvaro Cunqueiro,Virxinia Barros, a vicerreitora participou no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais no acto de benvida ao alumnado, que procedente dunha decena de centros de Vigo, a súa comarca e Boiro, participaron na I Xornada de Portas Abertas da Universidade de Vigo. “Benvidos á universidade que espero que sexa a vosa casa nos mellores anos das vosas vidas”, dixo Mato aos mozos congregados no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, aos que lembrou que a institución está a celebrar o seu 25 aniversario, unha proba da xuventude dunha universidade “enerxética e que está en plena ebulición”, dixo.

Aínda que as visitas do estudantado de centros de bacharelato e FP aos campus da Universidade de Vigo é algo habitual, non foi ata este ano que se acordou a celebración dunha xornada de portas abertas, na que de xeito conxunto varios centros participasen nunha serie de actividades deseñadas para eles. Así, tralo acto de benvida no que o alumnado foi agasallado cunha bolsa con información sobre a Universidade e produtos doados por Gadis e o Servizo de Deportes, os e as estudantes distribuídos en grupos, participaron en tres rutas baseadas nas ramas científica, tecnolóxica e xurídico-social/humanística, tomando parte en obradoiros, actividades en laboratorios e xincanas nas escolas de Telecomunicación, Industriais e Minas e nas facultades de Bioloxía, Química, Ciencias do Mar, Filoloxía e Tradución, Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias Xurídicas e do Traballo. No transcurso das actividades os e as mozas achegáronse ás titulacións que se imparten neses e noutros centros, como Xeografía e Historia e Comercio.

Con 96 estudantes o IES Rosais 2 foi o centro que máis alumnado trouxo a esta xornada de portas de abertas no campus de Vigo, seguido do IES Carlos Casares con 84 e o IES As Barxa de Moaña con 60. Completaron a relación de centros participantes nesta iniciativa os IES Coruxo, Primeiro de marzo, Espiñeira, San Tomé de Freixeiro, Salvaterra de Miño e Álvaro Cunqueiro e o CPR plurilingüe Barreiro.n

Te puede interesar
Más en Universitas