Universitas

Na pesca é preciso revisar a forma de clasificar os recursos

Universitas

UNIVERSITAS

Na pesca é preciso revisar a forma de clasificar os recursos

José María Da Rocha e Javier García
photo_cameraJosé María Da Rocha e Javier García

Da Rocha e García investigan a mellora dos modelos de avaliación do impacto da actividade pesqueira

Contar peixes no mar non é doado”, aseguran o economista José María Da Rocha e o matemático Javier García, investigadores do grupo Distribución da renda, territorio e mercado laboral (EA7) da Universidade de Vigo, que traballan na mellora do cálculo da avaliación de riscos nas pesquerías, auténtica pedra angular la política pesqueira comunitaria.

Colaboradores do Internacional Council for the Exploration of the Seas, ICES, o organismo responsable de avaliar os recursos pesqueiros de Europa e tamén do Scientific Technical and Economic Committee for Fisheries, STECF, ambos os dous inciden, por unha banda, na necesidade de que as regras que determinan as cotas de pesca sexan robustas a variacións nos modelos de simulación que se utilizan para aprobar os TACs, e por outra, na mellora da precisión dos modelos empregados para avaliar o impacto da actividade pesqueira, o que permite aumentar as cotas.

“Os nosos resultados amosan que a forma na que as axencias internacionais clasifican os recursos, en sans ou en perigo, debe ser revisada. En particular algúns stocks de grande interese para as flotas galegas pasarían a estar sans … e poderían aprobarse cotas de pesca máis altas”, explican Da Rocha e García, que lembran que todas as axencias internacionais que regulan pesquerías, utilizan modelos de idades (e/ou tallas) de Beverton e Holt.

A partir do cálculo da idade/talla dos peixes capturados é posible determinar a capacidade de reprodución e as taxas de supervivencia da poboación e unha vez coñecidos estes parámetros, calcúlase cal sería a poboación óptima, a desexable, ou MSY, a poboación que permite obter o máximo rendemento sostible. “A UE está adherida a un tratado internacional da ONU que nos obriga a recuperar as pesquerías, que estean sobre explotadas, e situalas no MSY”, sinalan os investigadores.