UNIVERSITAS

Noia: “Cunqueiro foi o primeiro poeta galego da modernidade”

a1_result
photo_camera Camiño Noia no seu despacho da Facultade de Filoloxía e Tradución.

A profesora de Filoloxía e Tradución é autora dunha escolma da poesía de madurez do poeta mindoniense

“Álvaro Cunqueiro foi un bo poeta moderno e o primeiro en facer en galego unha poesía que aquí non existía, cando a creación poética estaba centrada na descrición paisaxística e na denuncia dos aspectos sociais”. Así se refire ao Cunqueiro poeta a catedrática da Facultade de Filoloxía e Tradución Camiño Noia, autora do libro Álvaro Cunqueiro.

Trinta Poemas. Selección, introdución e comentarios, unha escolma crítica da poesía de madurez do escritor de Mondoñedo na que a profesora Noia fai un percorrido pola historia editorial da derradeira poesía dun dos grandes autores galegos e universais, a quen o éxito acadado coa produción narrativa agochou en gran medida o seu labor poético e contribuíu a dificultar que gozase dela un abano máis amplo de lectores.

A obra, publicada na Colección Arte de Trobar do Centro PEN Galicia co apoio da Consellería de Cultura, presentouse hai apenas un ano en Mondoñedo e, a día de hoxe, está xa practicamente esgotada nas librarías, algo que dá mostra do interese que espertan as poesías deste autor, a quen xa o cantautor berciano Amancio Prada lle dedicara o disco A dama e o cabaleiro (1987) onde musitou algúns dos seus poemas.

Agora nesta escolma a catedrática viguesa analiza o tratamento crítico que tivo a derradeira poesía de Cunqueiro, para dar, logo, a súa interpretación persoal afirmando que se trata dunha “poesía da existencia, feita para expresar poeticamente a súa soidade, o seu amor insatisfeito, as súas culpas e, en definitiva, a súa visión do ser humano”. 
Como no conxunto da súa poesía de madurez, Camiño Noia destaca o feito de que nos poemas do libro Cunqueiro presenta un universo imaxinativo de referencias reais e literarias de diferentes culturas través das que o autor expresa os seus propios sentimentos. “Non hai imaxes da realidade tal como nós as percibimos, senón representacións recreadas polo universo creativo do poeta”, recalca a editora, ao tempo que subliña que Cunqueiro está á altura de autores tan coñecidos como Rilke, Pound, Eliot ou Éluard.
 

Te puede interesar
Más en Universitas