UNIVERSITAS

Novo director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

g1_result
photo_camera O novo equipo directivo.

Íñigo Cuiñas foi elexido con 70 votos a favor, sete en branco e dous en contra na Xunta de Escola.

É unha remuda natural, porque Íñigo Cuiñas formaba parte do actual equipo directivo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, encabezado dende hai seis anos por Edita de Lorenzo. Pero confirmouse que a súa candidatura, a única que se presentou para poñerse ao fronte do centro, será a que o dirixa durante os vindeiros tres anos. Na votación acadou 70 votos a favor, sete en branco e dous en contra. Nesta nova etapa acompañarán ao catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións Manuel Fernández como subdirector de Organización Académica; Loreto Rodríguez, de Calidade; Francisco Javier Díaz, de Extensión; Enrique Costa, de Internacional e Miguel Ángel Dominguez, de Infraestruturas, este último tamén membro do ata hoxe equipo de dirección. Xunto a eles, Generosa Fernández encargarase da coordinación de grao, e Edita de Lorenzo da coordinación de máster. Trátase dun equipo, como explicou o propio Cuiñas, que busca “un equilibrio entre a experiencia e a continuidade xunto con persoas novas e ben preparadas”.
Cuiñas afronta esta nova etapa coa seguridade que dá a experiencia previa como subdirector de Novas Titulacións pero tamén coa ilusión de poder continuar ou iniciar proxectos que na anterior etapa quedaron sen desenvolver. "Foron anos intensos, de posta en marcha das novas titulacións da EET, de adaptación a Boloña, de reestruturacións, etc." e agora ábrese a porta a unha etapa que semella "máis estable para poñerse con outros proxectos".

Te puede interesar
Más en Universitas