UNIVERSITAS

Novo enfoque para solucionar o vello problema do “Carpobrotus edulis"

carp2_result
photo_camera Jonathan Reboredo, Yaiza Lechuga, Luís Gónzalez, Paula Lorenzo e Nico Araújo.

A especie invasora provoca unha homoxeneización ecolóxica e da paisaxe e unha perda de biodiversidade

Corría o ano 1680 cando ao xardín botánico de Leyden (Holanda) chegaba por primeira vez o Carpobrotus edulis, unha planta orixinaria de Sudáfrica, que 300 anos despois se converteu, xunto a outras especies exóticas, nunha das principais causas de perda de biodiversidade no mundo. A costa ibérica e nomeadamente Galicia, onde o Carpobrotus, coñecida popularmente por uña de gato ou herba de coitelo, entrou polo Grove a principios do século XX cunha finalidade ornamental, é unha das zonas máis afectadas pola proliferación desta especie que compite coa vexetación autóctona, substituíndo comunidades vexetais e reducindo a biodiversidade nativa. A ausencia de estratexias realmente eficaces para deter o avance desta planta invasora e restaurar as zonas afectadas, están a producir unha homoxeneización ecolóxica e da paisaxe, coa conseguinte perda de biodiversidade, unha circunstancia agravada en hábitats e ecosistemas especialmente vulnerables baixo condicións climáticas cambiantes.


“Hai unha crecente aceptación entre os ecofisiólogos vexetais de que se ten que investir máis esforzo na comprensión dos mecanismos que explican o éxito das especies invasoras co obxectivo claro de contribuír ao seu control”, explica Luís González, director do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo e investigador principal do proxecto Retos na xestión da planta invasora Carpobrotus edulis, financiado polo Programa Estatal de Fomento de la Investigación Científica y Técnica de Retos con 150.000 euros. Co obxectivo de incrementar o coñecemento do proceso invasor do Carpobrotus atendendo a súa diversidade fenotípica contrastada no lugar de orixe e nas áreas invadidas da península ibérica, o proxecto coordinado co Grupo de Ecoloxía da Universidade de Santiago de Compostela ”utilizará como novidade as características epixenéticas da especie para relacionar a súa capacidade de invasión en distintos hábitats e o efecto que posibles predadores e patóxenos autóctonos como o fungo Sclerotinia sclerotiorum (Lib.) de Bary ou a larva do lepidóptero nocturno Brythis crini teñen sobre poboacións fenotípicamente diferentes da península”, explica o investigador principal.

Te puede interesar
Más en Universitas