UNIVERSITAS

O novo equipo de Ciencias Sociais e da Comunicación reuniuse co reitor

pag5B_result
photo_camera Martínez Rolán, Ricoy, Corbacho, Mato, Baamonde, Pita, García Mirón e Baamonde.

A facultade aposta polo fortalecemento das titulacións e a renovación de equipamentos

nnn Manter unha primeira toma de contacto coa que iniciar un camiño de colaboración e traballo conxunto foi o propósito da xuntanza que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, mantivo hai uns días co novo equipo decanal da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que encabeza o profesor Xosé Baamonde. Unha reunión que serviu para afondar nas necesidades e plans de futuro do centro, entre os que se atopa traballar no “fortalecemento da oferta de títulos”, así como na posibilidade de optar “á consecución de fondos externos” que lle permitan dotarse de novos equipamentos de alto nivel, segundo apuntou o reitor ao remate da xuntanza.

“O obxectivo desta reunión era coñecer ao novo equipo e pórme ao día das necesidades específicas da facultade, de cales son as súas prioridades e dos plans que teñen, coa idea de apoialos institucionalmente”, salientou o reitor ao remate dunha xuntanza na que estivo acompañado polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho.

Acompañado polos vicerreitores Alberto Dafonte, José Pita, Rosa Ricoy e Xabier Martínez Rolán, así como pola secretaria académica, Silvia García Mirón, Baamonde, que foi elixido decano o pasado 17 de decembro, informou ao reitor do plan de traballo do seu equipo, así como das necesidades do centro en materia de equipamentos ou infraestruturas.

Te puede interesar
Más en Universitas