UNIVERSITAS

Novos achádegos sobre a relación do océano co cambio climático

g1-1-_result
photo_camera Pablo Serret, en primeiro termo, e José Lozano, nunha das campañas realizadas.

Nature Communications publicou os resultados do traballo conxunto entre investigadores vigueses e do Reino Unido

O plancto, conxunto de microorganismos que flotan na auga ata arredor dos cen metros de profundidade, é responsable da metade da fotosíntese que se leva a cabo no planeta e isto outórgalle unha relevancia para manter a vida na Terra que fai que entender e predicir a interacción entre a súa actividade metabólica e o clima sexa un dos principais desafíos ao que se enfrontan na actualidade os oceanógrafos. Neste contexto é no que se encadra a colaboración, de máis dunha década, entre un grupo de investigadores da Universidade de Vigo, liderados por Pablo Serret, e expertos do Laboratorio Mariño de Plymouth e da universidade inglesa East Anglia, unha longa investigación colaborativa sobre a variabilidade e control do metabolismo planctónico, cuxos resultados, publicados esta semana na revista Nature Communications, resolven unha longa controversia científica sobre a relación entre o clima e o océano e arroxan luz sobre como investigar cales van ser as principais traxectorias do cambio climático e o seu posible impacto.


A investigación pon sobre a mesa que, a diferenza do que se pensaba ata agora, os océanos oligotróficos, as rexións máis extensas e menos produtivas dos grandes océanos e que ocupan no seu conxunto a metade da superficie da Terra, non son nin auto-nin heterotróficos, senón funcionalmente diversos, o que significa que para poder estimar con precisión cal é o seu impacto sobre o clima, hai que ter en conta diversos factores que ata o de agora estaba relega dos. “Só unha adecuada apreciación de dita diversidade funcional na maior paisaxe bioclimática do planeta permitirá resolver o importante obxectivo de cuantificar, comprender e predicir a interacción entre o metabolismo do océano e o clima global”, subliña Pablo Serret, profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e investigador da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat.

Te puede interesar
Más en Universitas