UNIVERSITAS

Orquídeas do Caribe: un tesouro científico por explorar

gal1_result
photo_camera 'Encyclia navarroi', nova especie de orquídea para a ciencia.

O Ministerio de Economía financia con 96.800 euros unha nova investigación de Divulgare

As illas tropicais albergan especies que xurdiron en condicións únicas, con adaptacións á vida en ecosistemas fráxiles e que non se atopan en ningún outro lugar do mundo. “Cando estas especies endémicas se extinguen, non só desaparece un legado biolóxico único, tamén se perden as pistas que esconden a súa historia evolutiva; pistas que, de coñecerse, poderían axudarnos aos investigadores e, á sociedade en xeral, a conservar a biodiversidade nas circunstancias actuais de cambio global”. Así explica o profesor Luis Navarro, director do grupo de Ecoloxía e Evolución das Plantas, Divulgare, a importancia que se esconde detrás dun dos seus últimos achados: a identificación dun grupo de orquídeas das illas do Caribe cunhas características únicas que permitirán coñecer como evolucionan as adaptacións das especies a ambientes fráxiles e con recursos limitados como soen ser as illas.

Para afondar no estudo das orquídeas do Caribe e, en xeral no coñecemento de como a evolución destas adaptacións inflúe na formación de novas especies, o grupo dirixido por Navarro acaba de conseguir financiamento na última convocatoria de proxectos de excelencia do Ministerio de Economía e Competitividade, dentro do Programa Estatal de Fomento da Investigación Científica e Técnica de Excelencia. A axuda concedida ascende a 96.800 euros para dous anos de execución.

Te puede interesar
Más en Universitas