PREMIO

Paredes recibe o recoñecemento da Real Academia de Doctores de España

Estefanía Paredes foi galardoada, xunto con outros trece investigadores, entre máis de 200 candidatos

Máis de 200 teses de doutoramento competían polos Premios á Investigación da Real Academia de Doctores de España 2015. Pero só 13 investigadores de todo o Estado foron os distinguidos por estes galardóns e, entre eles, unha científica da Universidade de Vigo, Estefanía Paredes, única seleccionada das universidades galegas.

Os galardóns foron entregados este mércores en Madrid coincidindo co acto de apertura do curso 2015-16, ocasión que aproveitou a investigadora para regresar a España xa que se atopa realizando unha estancia postdoutoral nos EEUU. A tese de Paredes, dirixida por Juan Bellas e baixo a titoría de Ricardo Beiras, realizouse no laboratorio de Ecoloxía Costeira da Universidade, que leva dende 2008 traballando no desenvolvemento dunha metodoloxía para conxelar embrións e larvas de catro especies de invertebrados mariños: ourizo de mar, ostras e dous tipos de mexillóns.

Na convocatoria de 2015 destes Premios á Investigación presentáronse máis de 200 traballos. O premio que rexistrou o maior número de aspirantes é o das Ciencias da Vida e da Saúde, con 78 teses. No caso de Estefanía Paredes, que recibiu o da categoría de Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas, impúxose entre 42 candidatos, o segundo máis concorrido. Paredes amósase moi satisfeita pola obtención deste galardón, que se une ao Premio Extraordinario de Doutoramento que lle outorgou a Universidade de Vigo o pasado ano. Recoñece que a concesión destes dous premios “significa un recoñecemento ás moitas horas que demanda un traballo doutoral” e subliña sobre todo o esforzo que require “unha investigación innovadora como a nosa, na que partimos dende cero”.

A investigadora estende o recoñecemento a outros científicos, porque “non é soamente mérito do traballo duro e das horas invertidas senón tamén da xente coa que tiven o pracer de traballar na Facultade de Ciencias do Mar e na ECIMAT, pero tamén é mérito do meu director de tese, Juan Bellas do Instituto Español de Oceanografía de Vigo”.

Paredes realizou o seu traballo a medias entre os laboratorios da Facultade de Ciencias do Mar e os da Ecimat ata conseguir por primeira vez a conxelación de embrións temperás de ourizo de mar con altas expectativas de supervivencia. Explica que a importancia de contar cun criobanco de embrións destas especies de alto impacto comercial [mexillón verde de Nova Celandia (Perna canaliculus), mexillón galego (Mytilus galloprovincialis), ourizo de mar (Parecentrotus lividus) e ostra pacífica (Crassostrea gigas)] ten aplicacións destacadas tanto no eido da avaliación da contaminación mariña como para a acuicultura

Te puede interesar
Más en Universitas