UNIVERSITAS

A paz brillou no medio da escuridade, en Pontevedra

gal2_result
photo_camera O acto simbólico contou coa participación de alumnado, profesorado e autoridades.

Unha luz na escuridade pola paz é o título do acto que a comisión PEA-Unesco de Ciencias da Educación e do Deporte organizou para a véspera deste Día da Paz

Na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra, unha candea permaneceu acesa ao longo de todo o pasado venres 30 de xaneiro, xornada na que se conmemorou o Día Mundial da Paz, coa idea de que a súa luz servira como símbolo da necesidade de concienciar á comunidade universitaria dos valores asociados a esta palabra. Mais esta candea só foi a última das moitas que se prenderon na noite do xoves neste centro, cando alumnado, profesorado e autoridades compartiron un “pequeno acto simbólico” no que se leron poesías e actuou por primeira vez o coro do campus, coa luz das candeas como única iluminación.

Unha luz na escuridade pola paz é o título do acto que a comisión PEA-Unesco de Ciencias da Educación e do Deporte organizou para a véspera deste Día da Paz co obxectivo de concienciar, tanto ao alumnado como a cidadanía, respecto dos valores que se enxalzan nesta xornada, como explicou o profesor Miguel Cuevas, coordinador da comisión encargada das diferentes iniciativas que o centro está a desenvolver co obxecto de converterse na segunda facultade de España en entrar a formar parte da Rede de Escolas Unesco. Preto de 70 persoas, entre alumnado, profesorado e autoridades, sumáronse nesta xornada a un acto que a chuvia obrigou a trasladar á planta baixa da facultade. n

Te puede interesar
Más en Universitas