UNIVERSITAS

Premio de Promoción de Novos Investigadores a Miguel A. Ramos

pag3B_result
photo_camera O premiado Miguel Alexandre Ramos.

A RAGC outórgalle o galardón a un traballo centrado no deseño de nanopartículas octaédricas de monóxido de cobalto

“Aínda que soe a tópico, non o esperaba”, asegura, aínda emocionado tras recibir hai uns días a chamada da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) que lle confirmaba como gañador do Premio de Promoción de Novos Investigadores, Miguel Alexandre Ramos. Hai agora sete meses que este investigador da Universidade de Vigo enviara á RAGC o seu Traballo Fin de Grao sobre o deseño e obtención de nanopartículas octaédricas de monóxido de cobalto, do que non volveu ter noticia ata que se lle foi comunicado un galardón, dotado con 2.000 euros, que comparte protagonismo co Premio de Investigación 2015 outorgado a científicos da Universidade da Coruña por un traballo que descarta a toxicidade da nanomateriais utilizados en terapias contra o cancro e para transportar fármacos. 
Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo cuarta edición, levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez, na honra do anterior presidente da institución.


Graduado en Química pola Universidade de Vigo en 2014, Miguel Alexandre Barros está a cursar na actualidade o Máster in Biological Sciences, ao tempo que desenvolve desde hai dous anos o seu labor investigador no Grupo de Materiais Magnéticos que dirixe Verónica Salgueiriño. “Este premio é para min un recoñecemento moi importante, non só a nivel económico, senón tamén polo feito de que as institucións do país recoñezan o traballo dos investigadores propios está moi ben” , explica este mozo vigués de 23 anos, que lamenta a marcha de científicos e científicas galegas e españois ao estranxeiro para poder desenvolver o seu traballo. El mesmo, tras tres meses de estancia en Dinamarca, non desbotou esta posibilidade, aínda que finalmente optou por continuar a súa actividade na Universidade de Vigo.

Te puede interesar
Más en Universitas