UNIVERSITAS

Primeiro repositorio europeo de materiais educativos audiovisuais

A Universidade de Vigo participa na posta en marcha dunha gran base de datos que poría centenares de miles de recursos ao servizo de docentes e investigadores

A participación en ITunesU e en varios proxectos internacionais con socios de primeiro nivel mundial, así como o feito de dispoñer de máis de 10.000 horas de vídeos educativos en UVigoTV, fan da Universidade de Vigo na última década unha referencia en España e tamén no estranxeiro, en educación non presencial e teleensino, e máis concretamente no uso de medios audiovisuais na educación.

A existencia dun gran repositorio europeo de materiais educativos audiovisuais, que permita a súa organización e catalogación, para que o persoal docente e investigador poda localizar de xeito sinxelo as pezas que producen e aloxan nos seus propios repositorios universidades e centros de investigación, é un novo reto no uso deses medios na educación, no que desde o ano 2014 traballa a Géant Association, unha asociación europea que agrupa ás redes nacionais de ciencia e tecnoloxía, que interconecta universidades e centros de investigación en cada país.

"Trátase de crear un gran repositorio que recolla toda a información de catalogación de todos eses vídeos aloxados en cada unha das institucións, articulando así, nun punto único, unha gran base de datos europea ou mesmo mundial que podería chegar a ter centenas de miles de pezas que poden ser buscadas, localizadas e usadas como material educativo por docentes”, explica Vicente Goyanes, coordinador da asistencia técnica multimedia da Universidade de Vigo.

Te puede interesar
Más en Universitas