UNIVERSITAS

Propostas innovadoras para unha educación máis aló do currículo oficial

curso22_result
photo_camera Soto, Corbacho, Fouces, Cruces e Morquecho, na inauguración do curso.

O Pazo da Cultura acolleu a apertura do curso de extensión universitaria sobre novos métodos educativos

“Repensar a idea da pedagoxía desde un punto de vista innovador” e pór sobre a mesa modelos e metodoloxías que permitan “ir máis aló do currículo oficial, da escola tal e como está concibida” é o propósito central do curso de extensión universitaria Propostas pedagóxicas innovadoras. Ensinar e aprender hoxe, que se inaugurou no Pazo da Cultura. Máis de 50 persoas participan nesta actividade dirixida polo profesor de Ciencias da Educación e do Deporte Jorge Soto e coordinada polos responsables do proxecto Imagine Elephants, Elena Cruces e Julián Maguna, que tenta achegar a estudantes e profesionais do ensino a un intercambio de experiencias “sobre como se pode levar a cabo unha pedagoxía innovadora, que cubra aspectos que hoxe non forman parte do currículo escolar”, como sinalou o seu director.

Aspectos como o fomento da creatividade e o desenvolvemento da intelixencia emocional, que na apertura dunha actividade que forma parte da programación de cursos de verán da Vicerreitoría do campus puxo de relevo o seu director, que incidiu en que “a educación é un proceso que comeza cando un nace e remata cando un morre”. Por ese motivo, salientou a importancia de innovacións educativas que axuden a fomentar desde idades temperás a creatividade dos nenos, xa que é “fundamental para o desenvolvemento das persoas”, así como traballar aspectos relativos á intelixencia emocional.

O vicerreitor Juan Manuel Corbacho, a concelleira de Educación, Carme Fouces, e o responsable da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, acompañaron aos responsables do curso na apertura dunha actividade centrada nun ámbito, a educación, que “é a fonte do crecemento e desenvolvemento dunha sociedade”, como salientou Corbacho, que incidiu en que a importancia da temática viuse referendada polo interese que suscitou o curso, que obrigou a aumentar o número de prazas, inicialmente fixado en 40. O 80% do que aprendemos, facémolo antes dos 5 anos.

Expertos como o cofundador de Diyara Expresión José Miguel Castro, o director do Centro Montessori Canela, Marco Zagal, ou os creadores do colectivo Wayra de Salamanca, Pablo López e Miguel Flores, participarán nas próximas sesións dun curso que centrará boa parte da súa análise na educación infantil. Non en van, “diferentes investigacións aluden a que o 80% das aprendizaxes se producen antes dos 5 anos”, como apuntou Soto, para quen é “unha etapa cunha importancia básica para o desenvolvemento dos nenos” e que, ao seu xuízo, precisa de cambios e innovacións en cuestións relacionadas “cos aspectos teñen que ver co manexo das emocións ou coa creatividade, que son fundamentais”.

Te puede interesar
Más en Universitas