EMPRENDEMENTO

A sede de CREA S2i ocupará catro plantas do antigo edificio da Xunta

photo_camera O proxecto de rehabilitación do inmoble presentouse na sede da Xunta en Campolongo.

A idea inicial é instalar neste espazo en Pontevedra servizos vinculados ao emprendemento e ao proxecto de especialización
 

Un total de 1.774 metros cadrados, correspondentes ás catro plantas superiores do edificio administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal, converteranse, unha vez rematen os traballos de rehabilitación deste inmoble, na “sede corporativa” do proxecto de especialización do campus de Pontevedra, CREA S2i. Así o salientou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, tras participar na presentación do proxecto que fará dese inmoble, en desuso desde 2009, un edificio de usos múltiples, que o Goberno autonómico destinará tanto aos servizos de emprego e a diferentes colectivos sociais, como aos usos que a institución académica queira darlle ás catro plantas que se lle reservan. Uns usos que, como adiantou Mato, pasan por facer deste espazo a sede de proxectos de incubación de empresas, así como daqueles “produtos académicos que estamos xerando en torno ás distintas facultades e escolas”, no marco do proxecto de especialización do campus pontevedrés.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, acompañados polo reitor, Salustiano Mato; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presentaron na sede da administración autonómica en Campolongo o proxecto de rehabilitación dun “edificio que estaba esmorecendo”, como recoñeceu Rueda, e no que está previsto un investimento de case 3,7 millóns de euros. n

Te puede interesar
Más en Universitas