INFRAESTRUTURAS

A sede institucional da Universidade no Casco Vello será realidade en 2018

Asunción Longo, vicerreitora de Investigación e Transferencia, e Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo.
photo_camera José Manuel García, Salustiano Mato, Román Rodríguez e José Alberto Díez de Castro durante a xuntanza.

O proxecto  terá un orzamento aproximado de dous millóns de euros , dos que a Xunta de Galicia achegará un total de un millón e medio.

Un día histórico no que se cumpre un dos obxectivos da Universidade: regresar ao corazón da cidade e facelo na principal porta de entrada a Vigo polo mar, o Berbés.

O reitor, Salustiano Mato, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciaron este luns que o proxecto para a creación dunha sede institucional da Universidade de Vigo no Casco Vello será unha realidade en 2018. O proxecto terá un orzamento aproximado de 2 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia achegará 1,5 millóns.

O convenio asinarase a principios do ano próximo e permitirá a rehabilitación de tres edificios situados nos número 11, 13 e 15 da praza do Berbés, o que permitirá “mergullar a Universidade na cidade e a cidade na Universidade”, en palabras de Mato. O conselleiro salientou que esta é unha “reivindicación histórica da Universidade de Vigo pero, sen dúbida, terá unha repercusión moi positiva na rehabilitación do barrio e na vida dos seus veciños e veciñas”.

Vigo terá no prazo de tres anos un “edificio de referencia nunha zona urbanisticamente moi interesante e nun lugar que é unha das caras de Vigo”, remarcaba Rodríguez que lembrou que este proxecto é “de interese común e xeral para a Universidade, para a cidade e para toda Galicia”.

O calendario para o proxecto arrancará de inmediato. Segundo adiantaron Mato e Rodríguez, antes de que remate o ano publicarase o concurso para a redacción do proxecto, para proceder despois á licitación da obra. O convenio entre Universidade e Consellería para a dotación económica asinarase previsiblemente a comezos de 2016, xa que as contías deberán axustarse segundo o prego de condicións.

A inauguración agárdase que sexa “ao longo do 2018”, como explicaba Mato. O responsable académico remarcou que este era un dos obxectivos da institución viguesa dende hai cinco anos, “mergullarnos de forma definida na cidade”. Este proceso arrancou coa aprobación do Consorcio do Casco Vello da cesión dos inmobles á Universidade para a sede institucional, ao que seguiu a sinatura da cesión de propiedade ante notario.

“A partir de aí”, relataba Mato, “comezamos a traballar no programa de necesidades para a rehabilitación dos edificios e a súa posta en marcha”. Isto deu unha idea da contía económica que, segundo se avanzou, roldará os dous millóns de euros. A achega da consellería de 1,5 millóns de euros permitirá, como explicou o reitor, realizar o proxecto de forma “completa e continua e non en fases”.

Salustiano Mato recoñeceu estar “emocionado no persoal porque hai cinco anos puxen enriba da mesa a importancia que tiña para a Universidade de Vigo regresar á cidade e esta sede institucional vai ser un punto de inflexión na relación e na sinerxía entre a Universidade e a cidade de Vigo e os seus cidadáns; vai ser un antes e un despois”. O reitor quixo agradecer neste acto a colaboración da Xunta de Galicia e da Consellería, así como ao Consorcio Casco Vello e á corporación municipal.

Te puede interesar
Más en Universitas