UNIVERSITAS

Sería Pelé unha estrela no fútbol actual?

Serían Pelé, Beckenbauer ou Cruyff estrelas no fútbol actual? Era o Real Madrid o equipo de Franco?

Serían Pelé, Beckenbauer ou Cruyff estrelas no fútbol actual? Era o Real Madrid o equipo de Franco? Favorecen os árbitros sempre aos mesmos equipos? Estas e outras moitas preguntas vinculadas a mitos e crenzas relacionadas co chamado ‘deporte rei’ son analizadas desde unha perspectiva científica polo profesor Carlos Lago no seu novo libro Fútbol es fútbol. Una explicación científica sobre creencias del juego. Publicado pola editorial Mc Sports, este volume trata de “trasladar os resultados de diferentes investigacións a un formato accesible para os adestradores e o gran público”, apunta este docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

A recorrente frase de “fútbol es fútbol”, que acuñou o técnico Vujadin Boskov, é empregada por Lago Peñas para o título dunha publicación na que trata de “achegar luz sobre algúns dos mitos que se teñen sobre o xogo” a partires dos resultados de investigacións realizadas tanto polo seu grupo de investigación como por outros investigadores e investigadoras. De aí que Lago persente o libro como un “labor de divulgación científica, que trata de ser ameno e rigoroso á vez”, co propósito de achegar “aos afeccionados ao fútbol os achados científicos” nun ámbito, o do deporte, no que, resalta, “existe un labor de investigación moi potente”.

Prologado polo adestrador Pablo Alfaro, Fútbol es fútbol estrutúrase en nove capítulos nos que Lago relata como a ciencia ten abordado diferentes aspectos relacionados co rendemento ou a historia deste deporte ou intentado dar resposta “a preguntas moi habituais entre os afeccionados, como si o mellor Pelé sería capaz de ser unha estrela no fútbol actual”. A este respecto, este profesor alude á evolución vivida por este deporte, “tanto nos aspectos físicos e técnicos, como na propia velocidade do xogo”, e que podería levar a concluír que “se tivésemos unha máquina do tempo e movésemos” ao xogador brasileiro ao fútbol actual, “non só non sería unha estrela senón que tería enormes problemas para moverse no campo”. Mais ao mesmo tempo tamén deixa claro que esta sería unha afirmación “inxusta, posto que o talento de Pelé, traballado cos sistemas de adestramento actuais, seguramente faría del un xogador extraordinario”.

En capítulos introducidos sempre por frases ou acontecementos anecdóticos, Lago trata de amosar como a ciencia “é capaz de alumear espazos escuros, onde o coñecemento se baseaba en opinións”, de tal xeito que as veces desmóntanse crenzas asociadas a este deporte, mentres que outras vense avaladas pola investigación. Iso acontece, por exemplo, coa idea de que as arbitraxes rematan favorecendo aos equipos grandes, á que Lago dedica un capítulo, no que demostra “como cando o marcador está igualado, os árbitros tenden a beneficiar ao equipo máis importante engadindo máis tempo de prolongación, mentres que cando estes equipos van gañando por pouco, a tendencia é acurtar a prolongación”.

Te puede interesar
Más en Universitas