TERMALISMO

A talasoterapia, produto estrela do turismo de saúde

Asistentes ao congreso nas instalacións do Talaso Atlántico.
photo_camera Asistentes ao congreso nas instalacións do Talaso Atlántico.

Durante tres días diferentes profesionais e expertos debatiron sobre situación actual e retos deste sector, nas instalacións do Talaso Atlántico.

O turismo de saúde está en auxe e con el gaña forza un dos seus produtos estrela, a talasoterapia, un sector que naceu coma unha variante da hidroterapia e do termalismo, e que está sendo cada vez máis reivindicada polos turistas que visitan zonas costeiras. Así o expuxo a profesora do Departamento de Organización de Empresas e Marketing, Mª Elisa Alén, nunha das primeiras sesións plenarias do I Congreso Internacional de Talaso: Saúde e Benestar, unha cita organizada polo Grupo de Física Aplicada da Universidade de Vigo en colaboración co Talaso Atlántico, e na que durante tres días arredor de 200 profesionais e especialistas debatiron sobre a situación actual do sector e os retos aos que deberán facer fronte no futuro.

Desde os tempos antigos a saúde e o turismo son dous conceptos que se atopan moi interrelacionados e xa os nosos devanceiros dedicaron tempo e esforzo a busca dun clima saudable, augas terapéuticas... Actualmente, tal e como lembrou esta experta universitaria, hai unha tendencia crecente a que a que as persoas se autoresponsabilicen da súa saúde e cada vez hai máis xente para a que a saúde é a súa prioridade en todas as actividades que realiza, incluída a turística.

Isto leva a que o turismo, temática na que centrou a súa intervención Alén, se vexa dobremente influído, xa que por unha parte se aumenta a demanda de destinos saudables e, pola outra, a de destinos sanitarios, pola infraestrutura sanitaria da que están dotados para poder atender ás persoas que viaxan por motivos de saúde.

Te puede interesar
Más en Universitas