UNIVERSITAS

Taller de mediación artística co que aprender a relaxarse

"Pintando co corazón", unha iniciativa que mestura arte e terapia.

Arte e terapia, esta é a mestura que se propón nun novo obradoiro do Gabinete Psicopedagóxico, unha actividade de mediación artística bautizada co suxestivo título "Pintando co corazón" e coa que “pretendemos que as nosas alumnas e alumnos se expresen en linguaxes distintas ás que coñecen permitindo que amplíen as súas capacidades de coñecemento e expresión”, subliña Rocío Iglesias, responsable do gabinete, que será a encargada de impartir o curso.

A cita será os martes 17, 24 e 31 de marzo de 11.00 a 13.00 horas nas instalacións do Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria e as persoas interesadas en participar teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro venres día 13. Cun prezo de tres euros para o alumnado bolseiro e 4,50 € para o resto, o único requisito é levar roupa cómoda e moitas gañas de traballar cuestións como a autoestima, a empatía ou a tolerancia e, “por suposto, non fan falla coñecementos de debuxo”, subliña Iglesias, ao tempo que explica que o taller xurde coa idea de abordar o autocoñecemento de forma lúdica e de compartir co grupo “ser un mesmo, descubrirse sen ser xulgados e recoñecer o noso eu verdadeiro”.

Te puede interesar
Más en Universitas