PROXECTO HOTDROPS

As termas de Ourense, fonte de enzimas para a industria

Investigadoras da Facultade de Ciencias do campus ourensán participan no proxecto europeo HotDrops, xunto a representantes doutras tres universidades.

As enzimas son catalizadores, proteínas que aceleran unha reacción química. Esta definición teórica significa que na práctica son compostos naturais de grande interese para a industria.

Por exemplo, o que fai que un deterxente limpe o aceite dunha prenda de roupa é a lipasa, unha enzima que “racha” a graxa para que poida ser lavada. Investigadoras da Facultade de Ciencias do campus de Ourense traballan desde 2013 no proxecto europeo HotDrops. Nel, catro universidades e catro empresas buscan novas enzimas termofílicas, que actúan a altas temperaturas e son máis resistentes a condicións extremas, para aplicacións industriais tomando como punto de partida o ADN de microorganismos presentes en augas e solos de fontes termais de Ourense.

O proxecto está financiado polo 7 Programa Marco da Unión Europea, concretamente pola convocatoria Marie Curie academia-industria. O líder é a Universidade Autónoma de Madrid, estando como socias as universidades de A Coruña, Cambridge e Vigo e as empresas Galchimia, Biochemize, Droptech e Novozymes, o principal provedor de enzimas do mercado. O equipo da Universidade de Vigo está encabezado por María Luisa Rúa e formado tamén por Ana Torrado, investigadoras do Laboratorio de Bioquímica da Área de Nutrición e Bromatoloxía.

Este xoves e venres, os membros do proxecto, encabezados por José Berenguer, coordinador de HotDrops, danse cita no I Encontro AgroBiotech que se celebra no Parque Tecnolóxico de Ourense, onde presentan o seu proxecto, que ten unha duración de catro anos, ao sector como exemplo de colaboración entre investigación e empresa no eido biotecnolóxico. 

Catalizadores máis eficientes
O interese nas fontes termais como fontes de enzimas, explican os membros do proxecto, parte do feito de que as enzimas presentes en organismos de altas temperaturas son enzimas preparadas para actuar a altas temperaturas.

Estas enzimas, apuntan, poden empregarse en procesos industriais que requiren altas temperaturas ou en procesos que non requiren altas temperaturas pero nos que tamén se empregan porque estas enzimas teñen unha vida útil máis prolongada, un factor moi importante en aplicacións industriais a grande escala.

As enzimas, lembran, teñen un custe significativo pero tamén teñen un elevando potencial porque “non teñen os problemas de toxicidade doutros catalizadores químicos e son catalizadores moito máis eficientes e específicos”. 

Segundo explican as investigadoras ourensás, para a obtención de enzimas no proxecto están “a empregar sistemas de screening de alta eficacia baseados na microfluídica”. O seu traballo concreto consiste na posta a punto deste sistema de screening para a busca e selección de enzimas e posteriormente levar a cabo a produción e caracterización dos compostos proteicos seleccionados para unha aplicación industrial. Actualmente, sinalan, atópanse no proceso de selección de enzimas a partir de bancos de ADN, concretamente de ADN procedente de microorganismos presentas nas augas e solos de fontes termais do río Caldo, en Lobios.

Neste proceso, indican, é especialmente interesante a obtención de lipasas, proteasas, celulasas e outras enzimas de interese industrial. Entre as primeiras seleccionadas polas investigadoras ourensás están precisamente lipasas, que son de utilidade nun amplo abano de eidos, desde produtos farmacéuticos ata biodiesel.n

Te puede interesar
Más en Universitas