UNIVERSITAS

Unindo puntos distantes para albiscar o futuro do campus pontevedrés

g2_result
photo_camera Os relatores, xunto co reitor, o presidente do Consello Social da Universidade e o vicerreitor de campus.

A Casa das Campás acolleu a conmemoración do Día Internacional da Creatividade e a Innovación, onde destacou un coloquio con profesionais de diferentes ámbitos

Moitos grandes innovadores coinciden en presentar a creatividade como un exercicio de unión de puntos, de conectar elementos que parecen non ter moita relación para acabar xerando algo novo”. Deste xeito abriu o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Alberto Dafonte a mesa redonda na que profesionais de ámbitos como o deporte, a industria editorial, a gastronomía e a arquitectura debateron sobre a creatividade como unha idea transversal, como “o único camiño para facer futuro”, segundo resaltou o reitor, Salustiano Mato. Non en van, afondar na “creatividade no seu sentido máis amplo” foi o eixo da primeira conmemoración no campus de Pontevedra do Día Internacional da Creatividade e a Innovación, o que será o “día grande do Campus Crea”, e polo tanto, unha xornada na que “albiscar ideas útiles para fabricar ese camiño de futuro” que constitúe o proxecto de especialización do campus pontevedrés.

Como salientou o reitor na presentación, Pontevedra atópase dando “os primeiros pasos” no seu camiño cara a especialización, cara a consecución dunha “marca de referencia internacional para o campus”, a través dun proxecto que “busca envorcar as capacidades da nosa Universidade no que é o mundo da iniciativa e a industria creativa”. Un mundo “cun potencial de crecemento enorme, ao que hai que mirar con ollos do século XXI”, como engadiu Mato, que incidiu en que ese camiño cara a especialización pasa por “abrir os ollos a esas novas miradas” que implican unha “maridaxe entre disintas disciplinas e entre Universidade e sociedade”.

Te puede interesar
Más en Universitas