REUNIÓN CO ALCALDE

A Universidade estreita máis os lazos con Ourense

Salustiano Mato e Virxilio Rodríguez reuníronse con Jesús Vázquez

O Concello de Ourense é o mellor vehículo para chegar á cidadanía” e con el “estamos definindo unha axenda de traballo a curto, medio e longo prazo que nos permita poñérmonos ao día, elaborar un futuro e mergullar cada día máis ao campus na cidade”.

Con estas palabras Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, resumiu o obxectivo da visita institucional que realizou este martes ao consistorio ourensán. Acompañado por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, Mato reuniuse co alcalde da cidade, Jesús Vázquez, por primeira vez desde o cambio de goberno local. Trala xuntanza, o alcalde salientou o seu desexo de traballar “para tender pontes de colaboración” entre as dúas institucións e conseguir “unha maior converxencia en todos os ámbitos”.

Durante a reunión, na que tamén estivo José Araújo, concelleiro de Infraestruturas, afondouse en temas como actuacións na contorna urbana do campus, a colaboración do concello nos actos do 25 aniversario da Universidade de Vigo, que se conmemora neste 2015, e temas de impostos locais, entre outras cuestións. Nesta primeira visita, o reitor quixo agradecer ao alcalde “o recoñecemento e o apoio que ten para a Universidade” e recalcou o reto común de “mellorar a situación do campus”, de “conectalo coa cidade” e de continuar traballando para “que sigamos sendo motor” de Ourense

Te puede interesar
Más en Universitas