UNIVERSITAS

A Universidade incrementa un 20% o alumnado internacional

_g1-3-_result
photo_camera Un grupo de alumnos e alumnas de intercambio no día da presentación.

Esta semana tivo lugar o acto de benvida nos tres campus aos 451 mozos e mozas procedentes de 43 países de Europa, América, África e Asia

451 mozos e mozas de 43 países de Europa, América, África e Asia elixiron este curso as aulas da Universidade de Vigo para realizar as súas estadías internacionais, unha cifra que incrementa nun 20% as rexistradas no curso 2014-2015. Este luns déuselles a benvida nos campus de Vigo e Pontevedra a todos aqueles que escolleron a institución académica viguesa para pasar o curso completo ou o primeiro cuadrimestre e aos que se sumarán a partir de febreiro os que cheguen para rematar aquí o curso.

“A tendencia é claramente alcista”, subliñou intres antes de darlles a benvida no campus de Vigo o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel J. Fernández Iglesias, que considera que esta “boa noticia” se debe, en gran medida, ao labor de difusión que se vén facendo ao longo dos últimos anos.

“Vigo xa é unha Universidade coñecida a nivel internacional e, ademais do labor que facemos, hai que recoñecer que unha das cousas que mellor funciona é o boca a boca”, explicou o vicerreitor, que lembrou o feito de que Vigo é unha das universidades españolas mellor valoradas no que a percepción de alumnado internacional se refire, ao que engadiu que outros factores que inflúen en que esta cifra vaia en aumento son as dobres titulacións internacionais, o incremento da participación viguesa en proxectos Erasmus Mundus e a apertura de novos convenios máis aló do programa Erasmus.

Entre o alumnado que este mes de setembro comezou a súa vida académica no campus de Ourense están os estudantes que cada cuadrimestre chegan de man dalgún dos programas ou convenios de mobilidade internacional. Este curso serán aproximadamente 30 os alumnos procedentes dun amplo abano de países, desde o veciño Portugal ata o afastado Vietnam, que estarán nas aulas ourensás. Aínda instalándose moitos deles na súa nova cidade de acollida, este martes foron recibidos no campus polos representantes institucionais e polos responsables das diferentes áreas e servizos.

No acto de benvida, Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, e Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, felicitaron aos estudantes por ter elixido esta Universidade e este campus e animáronnos a aproveitar a experiencia no eido académico pero tamén no cultural, lingüístico e turístico. “Os nosos esforzos encamíñanse a seguir facilitando que o alumnado estranxeiro poida vir a estudar a Ourense e non só ao abeiro destes programas e convenios de mobilidade internacional. Estamos traballando para fomentar a primeira matrícula, que estudantes, sobre todo Latinoamericanos, veñan a realizar toda a carreira a aquí”, salientou Manuel Fernández Iglesias.

A maioría son Erasmus

Como cada curso o alumnado Erasmus segue sendo maioría (289), pero o abano de posibilidades de intercambio segue a incrementarse e este ano son 71 os que chegan froito de convenios asinados entre a universidade viguesa e as dos seus respectivos países de orixe (Arxentina, Brasil, Canadá, Kazakhstan, Taiwan, República de Corea...); 46 co Programa Erasmus Mundus (Marrocos, Exipto, Tunisia, Alxeria, Albania, Serbia, Bosnia Herzegovina...); 15 co ISEP e ISEP I to I (Estados Unidos, Chile e México); 11 de convenios específicos de dobre titulación (Brasil); oito Erasmus Prácticas (Finlandia, Italia, Polonia e Portugal); sete bolseiros do programa brasileiro Ciencia sen fronteiras; dous da Fundación Carolina (Bolivia e O Salvador) e dous estudantes visitantes estranxeiros procedentes de China e Vietnam.
 

Te puede interesar
Más en Universitas