UNIVERSITAS

A Universidade de Vigo, gañadora do Campionato Galego de Natación

gal01_result
photo_camera Algunos de los participantes.

Os vigueses acadaron 207 puntos, 12 máis que os coruñeses, segundos clasificados.

Tratábase da segunda ocasión na que as instalacións deportivas do campus de Ourense acollían o Campionato Galego Universitario de Natación, unha competición na que participan equipos das tres universidades galegas e que se celebra de xeito rotatorio nos sete campus da comunidade. Parece que o espazo foi o perfecto para a Universidade de Vigo que se proclamou campiona desta competición na que participaron máis de medio cento de deportistas. Competiron en ata 24 modalidades e a Universidade de Vigo alzouse con 11 medallas de ouro, oito de prata e outras oito de bronce e proclamouse así gañadora da competición por equipos cun total de 207 puntos, con 12 de vantaxe sobre o segundo clasificado, a Universidade de A Coruña. Pola súa banda, a Universidade de Santiago quedaba terceira con 92 puntos, despois de chegar a Ourense con dez baixas importantes de última hora e un equipo moi reducido.

Os nadadores e nadadoras dos equipos A e B da Universidade de Vigo deixaron o pavillón ben alto durante a competición, acadando moi bos resultados en case todas as modalidades, aínda que a proba estrela foron os 200 m libres masculinos, na que Cristian Fernández, Ecequiel Quiroga e Iago Lorenzo fixeron pleno no podio. Unha vez máis, os nomes destacados da xornada foron o de Marc Ciurana, Laura Pimentel e Xenia Vilariño, que remataron a xornada con dúas medallas colgadas do colo, dous ouros no caso do nadador e ouro e prata e ouro e bronce no das rapazas, respectivamente.
Aínda que a Universidade de Vigo estivo presente en case todos os podios dende o inicio da competición, houbo que esperar á sétima proba para comezar a gañar ouros.

Te puede interesar
Más en Universitas