UNIVERSITAS

A UVigo, autorizada a realizar traballos aéreos con drones

d2_result
photo_camera Ramiro Álvarez, responsable do Servizo de Detección Remota do Cacti.

A Axencia Estatal de Seguridade Aérea permite á aeronave non tripulada desenvolver traballos de I+D

Pesa menos de dous quilos e pode voar a unha distancia de 16 quilómetros de xeito automático, mediante unha ruta GPS deseñada por un piloto. Estas son as características máis salientables da aeronave non tripulada de ala fixa da Unidade de Detección Remota do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación, Cacti, da Universidade de Vigo, un drone adquirido o pasado ano e que dende entón e ata o de agora dedicábase a facer voos de proba nun campo contiguo ás dunas da praia da Lanzada.

Non obstante, o uso deste robot voador experimentará un cambio substancial despois de recibir hai uns días a autorización da Agencia Estatal de Seguridad Aérea, AESA, que confirma á Universidade de Vigo como entidade operadora de traballos aéreos con vehículos aéreos non tripulados.

A institución académica viguesa convértese así na primeira universidade española en dispor de autorización para realizar como operador traballos aéreos con drones, un requisito obrigatorio que marca a diferenza entre os robots destinados a realizar actividades aéreas e os aeromodelos, ou aeronaves destinadas ao ocio. “Un aeromodelo é un robot voador, unha máquina que calquera pode mercar nunha tenda, pero para realizar traballos aéreos usando unha aeronave non tripulada de xeito legal, cómpre dispor da autorización da AESA”, explica Ramiro Álvarez, responsable do Servizo de Detección Remota do Cacti.

Te puede interesar
Más en Universitas