UNIVERSITAS

Versos, relatos e traducións para dar a benvida á primavera

A finais de marzo rematará o prazo de presentación de traballos para os certames universitarios de poesía, relato curto e traducción literaria convocados pola Xunta.

Ata final de mes teñen de prazo os membros da comunidade universitaria para participar nunha nova edición dos premios de poesía, relato curto e tradución literaria que convoca a Área de Normalización Lingüística co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O certame, que iniciou a súa andaina hai 22 anos, daquela da man do Servizo de Publicacións, é o único das súas características que existe no sistema universitario galego, o que converte á Universidade de Vigo, segundo o director da Área de Normalización Lingüística, Paulo Cabral, “en fornecedora de creatividade”. Proba disto son os 54 traballos, 10 na categoría de poesía, 34 na de relato curto e oito na de tradución literaria concorreron á pasada edición do certame, no que Rubén Varela co seu poemario "Da miña terra", Xurxo Martínez co relato "Dúas pezas de ouro" e Paloma Barrera cunha tradución dun texto en inglés de Ángela Readman, acadaron os galardóns.

"A creatividade e a utilidade da lingua segue a ser un valor engadido e máis alá da retribución económica do premio, resulta moi atractiva a posibilidade de edición dos premiados nun volume publicado por Edicións Xerais de Galicia. Xa parece un tópico, pero estes premios teñen resultado ser un trampolín importante", explica Cabral, apoiándose no feito de que algúns dos premiados logo repiten en convocatorias doutras institucións e en publicacións de prestixio.

Transcorridas máis de dúas décadas desde que se celebrou o primeiro certame cómpre falar dunha “tradición” no calendario académico no que estes premio marcan un fito destacado. “Non pode chegar un mes de maio sen a nosa entrega de premios, nin un Nadal sen o exemplar respectivo”, asegura o director da Área de Normalización, que confirma que constantemente reciben consultas de cando van ser convocados e cando remata o prazo.

O 31 de marzo ás 14.00 horas pechará o prazo de admisión de orixinais, que deberán estar escritos en lingua galega de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da RAG. Nas modalidades de poesía e relato curto as obras presentadas ao concurso deben ser traballos orixinais, non publicados, nin premiados en ningún certame. O tema será libre e as autoras e autores deberán axustarse a unha extensión mínima de 100 versos e un máximo de 150, no caso da poesía e de oito folios de mínimo e 12 de máximo, no de relato curto. Na modalidade de tradución literaria, á que non poderá concorrer o profesorado que imparta docencia na titulación de Tradución e Interpretación ou de calquera das filoloxías, o texto fonte será un texto literario en calquera idioma, cun mínimo de oito páxinas e un máximo de 20. O importe global dos premios é de 3600 euros, establecéndose un primeiro premio de 700 euros e dous accésits de 250 euros, para cada unha das modalidades.

Te puede interesar
Más en Universitas