UNIVERSITAS

Volven á Ecimat os 'Café con Sal' nunha cita mensual

photo_camera Emilio Rolán e Jesús Souza nunha edición anterior do ciclo.

A iniciativa, que acada xa a súa sexta edición, celebrarase o primeiro xoves de cada mes

A Estación das Ciencias Mariñas de Toralla retoma hoxe unha das súas actividades estrela, os Café con Sal, presentacións científicas de carácter informal coas que dar a oportunidade ao persoal deste centro de compartir coñecementos, xerar debates, novas ideas e fomentar posibles colaboracións entre distintos grupos. Tras o éxito acadado nas anteriores edicións, a actividade deixa de ser trimestral e pasa a ser mensual, de maneira que desde hoxe, os afeccionados aos ‘cafés con sal’ terán cada primeiro xoves de mes a súa cita mensual na Ecimat.

“Esta é a primeira vez que hai un programa para todo o ano e, salvo a charla inaugural, todos os participantes é persoal relacionado coa Ecimat”, explica Damián Costas, responsable da Área de Cultivos Mariños e un dos principais impulsores da iniciativa, que fai fincapé en que se trata de dar a coñecer o traballo que están a facer os diferentes grupos e investigadores da estación.

“A iniciativa xurdiu como unha maneira de compartir información sobre o que cada un está facendo para coñecernos mellor, pois ás veces, pese a traballar no mesmo sitio non sabes o que se fai no laboratorio do lado…”, apunta o investigador, ao tempo que explica que á hora de facer a programación se intentan cubrir todas as áreas (cultivos, medio mariño, oceanografía, calidade ambiental…).Haberá charlas ligadas a cambio climático, ecoloxía, marisqueo...e, a maiores, “se ao longo do ano nos visita algún investigador de prestixio convidarémolo tamén a participar”.

Te puede interesar
Más en Universitas