ENTREVISTA

Joaquín Bautista: “A Administración apoia máis ás grandes cidades que ao rural"

dsc00449_result
photo_camera Joaquín Prieto Rodríguez, alcalde de Larouco.

O alcalde popular de Larouco, Joaquín Prieto Rodríguez, accedeu á Alcaldía a finais da década 1990-2000. 

O alcalde popular de Larouco, Joaquín Prieto Rodríguez, accedeu á Alcaldía a finais da década 1990-2000. Foi no ano 1997, despois de catro anos como concelleiro. Dende entón repetiu maiorías absolutas nun concello dos de menor número de habitantes de Galicia: 544, segundo o padrón municipal de 2014.

Que cambios houbo no Concello dende aqueles anos?

O Concello cambiou bastante. A situación mudou e penso que a mellor. Mais os pobos pequenos van a menos. Xa se sabe o que pasa no rural: non nacen nenos. Cada vez hai máis xente maior. A xente nova escapa dos pobos ao non ter alternativas e traballo, e vaise ás grandes vilas.

Manteñen as axudas á natalidade?

As seguimos mantendo, por unha cantidade que varía de 600 a 1.000 euros por nacemento. É unha axuda pero non é incentivar os nacementos.

En Larouco carecen de oficina bancaria. A de Abanca, cuia defensa mobilizou á poboación, abrirá outra vez?

Andamos negociando cos directivos. O baixo que ocupa é da súa propiedade e púxenme en contacto co seu xefe, Escotet. Envioume un representante de Abanca e andamos mirando. O banco ten a oficina totalmente montada, so precisaría coller unha persoa e poñela aí un ou dous días por semana. Tampouco é pedir moito. Se dixeras, teñen que alugar o baixo ..., pero non se necesita tanto, é propiedade de Abanca e está totalmente equipado e montado. De feito, un ano antes de pechalo, reformárase totalmente.

O colexio tamén pechou. Hai algunha posibilidade de que abra novamente?

O colexio tamén nolo quitaron. Daquela, mantiven unha reunión co conselleiro, mais dixo que non é rendible ter un colexio para tres nenos e que, no caso de que nun futuro houbese máis, volveríase a abrir. Tal e como está a situación das familias hoxe, véxoo difícil.

Como ve o futuro do rural?

Véxoo negro como non tome parte a Administración. Está todo a monte e iso que se está empezando a traballar outra vez o campo. Hai novas plantacións. Temos o proxecto dos castiñeiros; plantáronse 15 hectáreas e agora queren plantar outras 30. Tamén queren iniciar algo con ovellas neses castaños. Hai xente nova que se animou a plantar viñedos, temos a adega Viña Costeira, que se animou a vir a Larouco, mercou Don Mario e estase implantando con forza. Son iniciativas agrícolas, mais deben ter o apoio da Administración.

A Administración non apoia entón ao rural?
Penso que apoia máis ás grandes cidades que ao rural. Dende o meu punto de vista. Precísanse subvencións, incentivar a actividade agrícola e á xente nova.

Larouco non podería servir como residencia de traballadores que teñen o seu empleo en vilas como O Barco ou A Rúa?

É unha demanda que fixen á Xunta hai moitísimos anos. Cando mantiven a entrevista polas primeiras vivendas de protección oficial, pedín que se convocase o concurso a nivel comarcal e non só para Larouco. Dixéronme que para ter dereito a unha vivenda de protección oficial, o solicitante debía levar tres ou catro anos censado no Concello. Pero a xente que vive aquí xa ten casa, non o necesita. O asunto era abrir o concurso e que viñesen de A Rúa, O Barco ou Vilamartín. Nunca o aprobaron. Levo solicitado vivendas de protección oficial estes anos, mais, tal e como están os tempos, din que non se fan. Tanto na primeira como na segunda fase  de chalés adosados de Larouco, o Concello pedía un concurso a nivel comarcal e non local.

Que saída ve para concellos como Larouco?

Dotar aos concellos do rural con infraestructuras e, neste caso, con vivendas. Dar facilidades á xente nova para adicarse a agricultura e, se traballa nas canteiras, casas para que poida vivir en Larouco. Nós temos dous locais que imos habilitar entre este ano e principios do que ven. Eran as antigas escolas, que imos preparar para alugar á xente que vive fóra e queira vivir en Larouco, mais cun arrendamento simbólico. Non desorbitado. Agora non se destinan a ningún uso e xa están dotados cos servizos de auga e electricidade.

A Corporación a forman catro concelleiros do PP e tres do PSdeG-PSOE. Como é a relación coa oposición?

Boa. Temos unha oposición totalmente colaboradora, non hai ningún tipo de problemas. Nunca os houbo. Sempre se levaron os temas a pleno e se discutiron. É unha oposición constructiva.

Que proxectos manexa o equipo de goberno na actualidade?

Un dos proxectos é o da granxa escola. A memoria está feita. Estou pendente da entrevista coa conselleira do Medio Rural. Era un compromiso da anterior, Rosa Quintana. Agora ao cambiar a Consellería volvín pedir a entrevista para presentar o proxecto. Sería a construcción da granxa escola cun albergue e, posiblemente, darlla a unha empresa para que a xestione. Habería que mirar a fórmula. O Concello ten  unha parcela de cáseque cinco hectáreas e habería que elexir o sitio do albergue e as aulas.

Que ofrece Larouco aos posibles novos veciños?

É un concello con residencia da terceira idade, con 84 prazas conveniadas. Estamos pendentes de habilitar un centro de día a nivel comarcal e tamén de usar as instalacións de fisioterapia para os veciños. Temos piscina, ximnasio municipal, pero para que veña xente hai que ter infraestructuras. Vivendas en aluguer hai moi poucas.

Te puede interesar