O Barco de Valdeorras acolleu a estrea de “Florencio na Terra”

Débora Álvarez e Domingo Díaz Docampo.
photo_camera Débora Álvarez e Domingo Díaz Docampo.
O petinés Díaz Docampo mostrou o seu traballo sobre Florencio Delgado Gurriarán

O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras foi escenario este xoves da estrea do documental “Florencio na Terra”, da productora Socialdocs. O petinés Domingo Díaz Docampo presentou onte o seu último traballo, baseado na figura do poeta Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo-Vilamartín, 1903; Fair Oaks-California, 1987). “Conta a historia  de Florencio Delgado Gurriarán, baseándonos moito na entrevista que lle fixo Dolores Pla en México”, explicou o director antes de comezar o acto. Este foi enmarcado no programa da Concellería de Cultura e Educación barquense, que dirixe Margarida Pizcueta, para o Día das Letras Galegas.

O traballo vai máis alá da devandita entrevista e, ademais de secuencias da vida do poeta elixido pola Real Academia Galega para o Día das Letras Galegas de 2022, fai unha valoración da importancia da emigración en México. Recolle as súas vivencias e a importancia do exilio republicano español nesa nación. “México foi un dos poucos países que axudaron á República e gañou a esa xeración de talento impresionante que perdemos”, comentou Domingo Díaz. Tamén destacou que esa mesma xeración foi quen de “transformar a realidade mexicana”.

O director tamén botou man da animación para recrear secuencias da vida do autor vilamartinés, así como varias pezas teatrais baseadas na vida de Delgado Gurriarán, gravadas no seu pobo natal, Córgomo. Díaz Docampo resaltou a importante colaboración no documental do actor valdeorrés Paco Campos, e aproveitou a ocasión para reivindicar a recuperación das xornadas teatrais que Anxo Baranga promoveu nesa mesma parroquia vilamartinesa.

As gravacións tiveron distintos escenarios. Na película aparecen Córgomo e distintos puntos da comarca de Valdeorras, así como dúas cidades mexicanas: a capital, Cidade de México, e Guadalajara. Tamén poden verse, aínda que en menor medida, imaxes tomadas na Coruña e no Bierzo. Non faltaron entrevistas: aparecen as da familia do protagonista durante a súa visita ao Barco e en México. Noutra gravación aparece Helio Estévez, de Guadalajara (México), “que coñeceu a Florencio. O seu pai tamén foi exiliado e coñecedor da vida do exilio en Guadalajara”.

Te puede interesar