Cultura

O ciclo 'De Perto' chiscará un ollo ao Bierzo mañá

deperto_cartel
Denise Silva e Bea Boto, bercianas, traerán ao Barco os cantares tradicionais da comarca veciña

O ciclo De Perto volve mañá ós xardíns da Casa Grande de Viloira coa actuación de Denise Silva e Bea Boto, dúas artistas bercianas que interpretarán cantos ligados á pandeireta e a voz e outros instrumentos de percusión tradicionais. Será ás 20,30 horas, no espazo ao aire libre da antiga casa señorial.

Dedícanse a recompilar a tradición musical e de baile da comarca veciña, así como a transmitila a través do ensino. A súa inclusión no programa do ciclo responde á parte de homenaxe á quinta provincia que se quixo facer dende o consistorio, xa que se cumpren 200 anos desde a inclusión de Valdeorras no BierzDo.

Denise Silva e Bea Boto cantarán e empregarán instrumentos de man que habituaban tocar as mulleres, como a pandeireta. Repasarán así un repertorio no que figuran cantares bercianos, pero tamén doutras zonas da provincia de León.

Participaron en proxectos discográficos e musicais, como La música Ibérica queriéndose a sí misma ou Diarios de Pandereta, colaborando tamén coa televisión de Castela e León. Agora mesmo preparan cancións para o seu próximo disco.

Esta será a segunda xornada dun De Perto que continuará durante xullo con máis actuacións. Ao escenario dos xardíns da Casa Grande subirá tamén o berciano Javier Vecino, o venres 9, ademais de Yoshi Hioki (venres 2) ou o Grupo Chévere (sábado 17), entre outros. Pódese consultar o programa na web do Concello do Barco.

Te puede interesar