La Región

VALDEORRAS

Críticas ao Concello de O Barco polo trato a Amava

A última edición tivo lugar o pasado 31 de agosto
Críticas ao Concello de O Barco polo trato a Amava

Avama, a Asociación de Música Alternativa de Valdeorras, vén de criticar ao Concello polo trato sufrido duranta a celebración do Jamfest, un concerto onde tocan as distintas bandas que integran a agrupación e que se celebra todos os anos nesta vila.

A última edición tivo lugar o pasado 31 de agosto, día no que a organización "sufriu moitos atrancos, botáronnos do centro, obrigáronnos a tocar nun aparcadoiro e nunhas circunstancias completamente desfavorables para tocar música en directo", queixáronse dende a asociación. 

Avama explicou que, nun primeiro momento, o concerto íase facer na praza Lauro Olmo, lugar habitual. Sen embargo, o Concello prohibiu, dixeron, celebrar alí o espectáculo, esgrimindo que os veciños, supostamente, presentaran queixas polo ruído. "Foi por isto polo que nos negaron en rotundo ningún permiso, xa que aseguraban temer unha denuncia da Garda Civil". 

O emprazamento cambiouse á explanada do Malecón, xunto ao skatepark. "Así e todo non se nos dispuxo de escenario nin tarima ningunha, cousa que si se fai en eventos doutras asociacións. Tivemos que instalar os equipos e os instrumentos no chan, nun sitio que, polas súas características ten unha pésima acústica". 

Dende Avama tamén criticaron o estado do cadro eléctrico, que tan só tiña un enchufe de rede trifásica e "vímonos na obriga de chamar de urxencia a un electricista o sábado ao mediodía". Ademais, aseguraron que o alumeado era insuficiente e que tiveron que levar unha lanterna para poder alumear os instrumentos.