Vilamartín

A muller gaña protagonismo no sector vitivinícola comarcal

<p></p>
photo_camera Unha muller vendimando nunha viña da DO Valdeorras.

Aínda así apenas o 5% das adegas están dirixidas por unha muller e as viticultoras representan un 43'2%

As mulleres gañan, paulatinamente, protagonismo no sector vitivinícola valdeorrés, aínda que as cifras oficiais evidencian que aínda queda moito por facer para lograr a igualdade. Tan só o 5 % das 43 adegas amparadas polo selo de calidade do Consello Regulador contan cunha muller como máxima responsable e no pleno deste organismo, o seu máximo órgano decisorio, séntanse dúas mulleres fronte a sete homes.

A porcentaxe aumenta cando falamos de viticultoras censadas dentro do territorio amparado, xa que se sitúa no 43,27 % (531 en total).

 

 

Máis alá do que poidan indicar estas cifras, diversas mulleres que ocupan posicións de responsabilidade no sector do viño, coinciden en sinalar que as mulleres teñen contribuído ao longo da historia, dun xeito silencioso, a facer do territorio aparado pola DO o que é hoxe en día.

"Tradicionalmente, eran as mulleres as que se ocupaban dos labores do campo, que principalmente eran de subsistencia, e tamén dos coidados da vide", destaca Araceli Fernández, xerente e socia de Godeval. "O viño si o facía o home" -engade María Teresa Núñez, propietaria da adega que leva o seu nome- "e pode que a poda tamén, pero de todos os demais traballos do viño ese ocupaban as mulleres".

Unha das mulleres que hoxe fai do viño o seu modo de vida é Odra Rodríguez, viticultora de Larouco. Cre, que a diferenza do pasado, hoxe elas fan de todo no eido vitivinícola. "Se hai que podar, podamos; e se hai que andar co tractor, andamos", apostillou. Porén, Odra, de 28 anos, sinala que percibe "certa discriminación e rexeitamento", sobre todo de homes maiores.

En todo caso, cada vez hai máis mulleres enteradas e consumidoras formadas, máis e mellores enólogas e catadoras", afirmou Araceli Fernández.

 

Te puede interesar