Valdeorras da paso a Lourenzá no Día das Letras Galegas

Unha representación valdeorresa desplazouse onte mércores ata Lourenzá para entregar a testemuña do Día das Letras Galegas, que en 2022 foi adicado ao escritor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo-Vilamartín, 1903; Fair Oaks-California, 1987) aos promotores dos actos que durante 2023 lembrarán a figura de Francisco Fernández del Riego “Don Paco” (Vilanova de Lourenzá, 1913; Vigo, 2010).

No encontro houbo troco de agasallos, de tal maneira que os viaxeiros valdeorreses entregaron aos anfitrións un poema de Florencio Delgado tallado en madeira de castiñeiro, ademais de varios exemplares da antoloxía poética do autor vilamartinés, recibindo libros do escritor que este ano homenaxea a Real Academia Galega.

O encontro foi organizado de xeito informal, na semana do aniversario do nacemento de Fernández del Riego. A representación de Valdeorras felicitou e animou á poboación favorecida polo Día das Letras Galegas.

Formaron a expedición de Valdeorras o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez; a concelleira de Cultura barquense, Margarida Pizcueta; a directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez; Joaquín Sánchez, presidente da Ruta do Viño de Valdeorras; Luis Fernández, concelleiro de A Rúa; e Eva Delgado, familiar de Florencio Delgado. Na cita tamén estiveron a alcaldesa de Lourenzá, Rocío García; o concelleiro de Cultura, Manuel Arango; e Isabel Vilalba máis Xosé Lois Rivera, membros da Mesa Don Paco, que coordina os actos do Día das Letras Galegas.

Te puede interesar