Veciños de O Bolo aprenden a podar castiñeiros en Tuxe

1
photo_camera Participantes no curso de poda no souto de Tuxe, O Bolo.

O souto de Tuxe, no concello do Bolo, foi o lugar elexido para levar a cabo un curso de poda en castiñeiros impulsado no marco do Plan Piloto de Fomento da Xestión Conxunta de Soutos, promovido pola Consellería do Medio Rural. O obxectivo foi “formar aos implicados para acometer obras de restauración nestes soutos”, polo que se abordaron temas coma “a seguridade e saúde nos traballos en altura, a identificación e manexo das ferramentas, a realización dos cortes e o calendario dos traballos”. 

Criterios

Así o explicaron dende a Consellería, que escolleu sete soutos “en función duns criterios coma a representatividade das zonas dos soutos en Galicia, a selección dos municipios prioritarios da clasificación efectuada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ou a representatividade dentro da diversidade actual dos soutos”. Entre eles, atopamos outro do mesmo concello do Bolo, en Cambela, e A Veiga. Parada de Sil, e os concellos lucenses de Paradela, O Incio e Folgoso do Courel, completan a lista, cun total de 356,38 hectáreas de superficie.

A finalidade é conseguir “a recuperación do potencial forestal das superficies deterioradas por doenzas e pragas ou polo abandono do rural, de forma que se poida impulsar un novo aproveitamento económico dos soutos”.

Te puede interesar