O 'Ballet Jammu', de Senegal, e 'African Tumbas', de Kenia, constitúen a representación africana nas xornadas

Danzas tribais ó son dos tambores

Situado na costa leste do continente africano está Kenia. Os seus límites xeográficos están formados por Somalia, Etiopía, Uganda e Tanzania. Senegal, pola contra, mira máis cara ó norte. Con capital en Dakar, as fronteiras do seu mapa político constitúena os países de Mauritania, Mali, Gambia, Guinea e Guinea-Bissau.
Ámbolos dous abranguen dentro de si a pobos con culturas e linguas moi variadas. Pero se algo teñen en común é que os seus veciños móvense coma ninguén ó son dos tambores.

A percusión de African Tumbas, o conxunto keniano, comezou a soar no ano 1996 en Nairobi co propósito de recuperar danzas tradicionais baseadas en festas, relixións e agricultura. Actualmente é unha das agrupacións máis importantes de todo o país. Tanta é a diversidade cultural de Kenia, que só o conxunto agrupa a unhas 42 etnias dentro del. Tanto os instrumentos como o repertorio de danzas e vestimentas que empregan están baseados nos tradicionais do folclore do país.

Non é esta a primeira ocasión na que visitan a provincia. Antes de que poidan volver outro ano, hoxe, última xornada do festival, actuarán en Castro Caldelas. Nestes últimos días puideron gozar dos seus ritmos os espectadores de Monforte, Allariz, Ribadavia, Verín, Xinzo, Ourense e Chaves.

O Ballet Jammu, de Senegal, estableceuse nun tempo máis recente, posto que a súa orixe data do ano 2008. Aínda así, este novo grupo está formado por membros dun anterior, de maior idade.

Aínda que só visitan Ourense 16 compoñentes, a agrupación conta con máis bailaríns e músicos, que teñen como punto de partida a capital do país, Dakar. Ó igual cós anteriores, o folclore dos africanos está baseado en ritos como vodas, bautismos e nacementos.

A mesma diversidade cultural que mostran os kenianos tamén pode percibila o espectador nas danzas do Ballet Jammu. Con todo, o que eles preséntan é unha síntese do folclore global do país, no que se falan máis de 50 linguas diferentes. Para uniformizar o espectáculo, cantan en 'wólof', que é o idioma máis empregado en Senegal.

Os membros do colectivo aseguran que o goberno central non axuda na promoción e creación de conxuntos folclóricos, pero que eles fano porque lles gusta; a pesar de non cobrar individualmente.

Con este pensamento de divulgación dos seus costumes o conxunto africano visita por segunda vez as Xornadas do Folclore, onde participaron hai dous anos.

Os que aínda non tiveran oportunidade de velos actuar en ningunha das localidades polas que pasaron estes días, poderá achegarse hoxe a Bande, onde actuarán por última vez nesta edición xunto ós conxuntos de Indonesia, Serbia e Cuba.

Te puede interesar