CELEBRACIÓNS

Festa dos 80, Feira Medieval e Carnaval de Verán no Carballiño

20170704203544833_result
photo_camera Diego Fernández e Manuel Dacal, durante a presentación da programación de xullo no Carballiño.

Ao longo deste mes a vila acollerá festivais de música, animación na rúa, cine e ruta nocturna

O Carballiño ofrece neste mes de xullo un amplo programa de actividades, entre as que destacan a Festa dos 80´s, o Carnaval de Verán, a Feira Medieval A Liorta, música, unha andaina nocturna e a proxección na Praza Maior da película "El bosque animado", contando coa presenza do seu director, José Luis Cuerda, como prólogo das Xociviga 2017.

O programa comezará o vindeiro sábado coa Festa ¡Vivan os 80´s!. Será un evento novidoso, para o que se contará co grupo local 33rpm con versións do pop-rock dos 80´s; un tributo a Joaquín Sabina, co grupo Números Rojos; e unha homenaxe a Queen, co grupo McKuin. O día 15 celebrarase o Carnaval de Verán 2017. O día anterior será o "entroido" infantil cos nenos dos campamentos urbanos, e pola tarde-noite do sábado terá lugar o desfile de comparsas e charangas, pasarrúas a cargo de “Festicultores Troupe”, animación dun DJ na Praza Maior, e a media noite un concerto do grupo Gin Toni´s.

Por segundo ano consecutivo, celebrarase a Feira Medieval A Liorta. Será os días 21, 22 e 23. Haberá engalanamento das rúas e locais hostaleiros, animación de rúa, mercado medieval e carpa gastronómica. Anúncianse máis actividades que na primeira edición, como cetrería e combates, e o mercado medieval duplicará o número de postos do pasado ano.
Por vez primeira desenvolverase o festival Holi Pulpo, o día 29, cunha carreira e un festival no Parque municipal. Participarán os DJ De Melo, The Prieto Brothers e Big Browsers.

Tamén está prevista unha andaina nocturna para o sábado 29 aos petróglifos de Cangues (Madarnás-A Esgueva). Unha actividade organizada e dirixida polos arqueólogos do Centro de Estudios Chamoso Lamas.

No ámbito formativo, celebraranse do 25 ao 28 as Xornadas de Termalismo na Casa da Cultura, organizadas polo Instituto de Estudios Carballiñeses. E, ademais, o público infantil e familiar ten unha cita o venres 14, no Auditorio municipal, co musical Mary Poppins.

O programa foi presentado polos concelleiros de Cultura, Diego Fernández, e de Turismo, Manuel Dacal. 

Te puede interesar