O xurado acordou por unanimidade a concesión, pola obra 'Aquelas cousas do verán', entre 12 traballos presentados

Manuel Lourenzo, premio Abrente

Oxurado do 'Premio Abrente para textos teatrais' acordou por unanimidade otorgar o galardón da quinta edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia ó traballo 'Aquelas cousas do verán', presentado baixo o seudónimo M.Paxón. O director da mostra, Roberto Pascual, abriu a plica do autor correspondente a esta obra, que resultou ser Manuel Lourenzo, o veterán dramaturgo nado na localidade lucense de Ferreira de Valadouro hai 67 anos.
A comisión, presidida polo alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, e integrada polo propio Pascual e o concelleiro de Cultura, Anxo Collarte, xunto cos expertos Cristina Domínguez, Santi Prego e Tito Asorey, elexiu o texto de Lourenzo entre os 12 presentados ó certame, 'pola súa contemporaneidade, que queda reflexada na linguaxe e na mesma escrita, ademais de aportar unha escenificación moi sutil'. Ademais,o xurado destacou 'o dominio da tensión dramática nun texto no que se fala das relacións entre as persoas dentro dunha temática social'.


GALARDÓNS

Roberto Pascual lembrou que 'este premio está dotado con 3.000 euros e tamén faculta ó autor para a edición da súa obra na Colección Abrente de Textos Teatrais'. A organización da MIT poñerase en contacto con Manuel Lourenzo, para que asista á gala do vindeiro sábado, prevista para as 23.00 horas no Auditorio do Castelo, no que se lle fará entrega da estatuiña conmemorativa. Pascual adiantou que o texto premiado na primeira edición dos Abrente, 'Memoria de Helena', de Roberto Salgueiro, será estreada para o público na Feira de Artes Escénicas de Santiago, no vindeiro outono, baixo a dirección de Xulio Lago. O autor premiado comezou a ser coñecido, nos anos 60, pola súa novela 'O moucho', e dende aquela debuxou unha ampla traxectoria como actor, director, traductor e conferenciante.

Así, o lugués Manuel Lourenzo foi fundador das compañías 'O Facho', 'Circo', Escola Dramática Galega, 'Luis Seoane', 'Elsinor' e 'Casahamlet'. Recibiu os premios 'O Facho' (teatro infantil), Ditea, Teatro Cómico de Cangas, Xeración Nós, Rafael Dieste, o Nacional de Literatura Dramática e o Pedrón de Ouro, ademais de participar nos primeiros festivais de 'Abrente' en Ribadavia.

Te puede interesar