Verano

"O problema de aquí é que non hai traballo e por iso marchamos, se non claro que quedaba"

Verano

ourensáns polo mundo

"O problema de aquí é que non hai traballo e por iso marchamos, se non claro que quedaba"

Beatriz Corderí, en Celanova.
photo_cameraBeatriz Corderí, en Celanova.

Hai agora seis anos que Beatriz cambiou a súa Celanova natal pola capital francesa, onde traballa na hostelería mirando sempre cara a súa terra, a onde volta cada ano e onde conserva familia e numerosas amizades.

Por que marchou a Francia e en que traballa actualmente alí?

Marchei pra alá porque aquí non se atopaba traballo, as posibilidades que había alí non as atopaba aquí. Foi nunha época na que todo o mundo empezaba a marchar porque aquí non atopabas traballo. Agora empeza a mellorar un pouquiño a cousa pero non é coma antes. Entón máis que nada foi por oportunidades de traballo fóra. Eu cambiei un pouco, reconvertinme un pouco profesionalmente e agora mesmo, como falo seis idiomas, traballo en hostelería nun hotel, son xefa de brigada na recepción.

Como foi a adaptación?

A diferencia é notable. Máis que nada porque a xente aquí camiña tranquila, vas andando ó traballo... Non tes ese sentido de ir rápido, é un estrés continuo. Os horarios son diferentes. Alá, por exemplo, empezas a traballar ás sete da mañá. Ás cinco e media ou seis, a xente xa vai para o traballo, é completamente diferente. Aquí temos outros horarios, hai turnos partidos e alá é xornada continua. Ter iso aquí é algo que cambiaría moito as cousas. A xornada continua o bo que ten é que fas de corrido todas as horas, cos teus 45 minutos de pausa, e despois tes toda a tarde ou toda a mañá libre. Se a houbera aquí, cambiaría as cousas e axudaría sobre todo coa conciliación familiar, co traballo e demais. Despois, o tema da integración non é igual. Xa para empezar, os prezos... Un café por sete ou oito euros... Non é o mesmo que tomar algo aquí. Unha caña aquí é un euro e pico e alá son oito. Xa de entrada nin salir é a mesma cousa, nin ir de bares é a mesma cousa, non ten nada que ver. ¿A relación coa xente? Eu non coñezo ós meus veciños e dígoche que son unha persoa que fala moito e non hai maneira, non lles das sacado nada. Establecer relacións e amizades é moi complicado cando es emigrante. fas amizade con xente que coñeces na mesma situación, portugueses, italianos... Pero é complicado integrarse.

Que é o que máis bota de menos da súa vida aquí en Celanova?

Boto de menos todo. A gastronomía, o levantarme e tomar un cafeciño, saudar á xente pola rúa, que te recoñezan, a paisaxe, o estilo de vida... O problema de aquí é que non hai traballo e por iso marchamos. Pero se non, co ben que se está na casa, claro que quedaba. De feito tócame unha lotería e veño pra aquí pero, vamos, directamente.